Coñecer o modelo urbano de Pontevedra polo miúdo, dun xeito teórico e técnico pero tamén práctico. Con este fin achegouse á cidade unha delegación intermunicipal francesa de Bassin de Thau unha área urbana situada na Occitania e composta por catorce concellos.
A intensa axenda de traballo desenvolvida ao longo do día pola delegación encabezada polo alcalde de Sète e presidente da Thau, François Commeinhes, incluiu reunión con técnicos municipais, un percorrido pola cidade guiado polo alcalde Miguel Fernández Lores, unha visita ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e outra á empresa Setga.
Françcois Commeinhes sinalou o proxecto que teñen por diante de peonalizar de xeito permanente amplos espazos no centro da cidade, un proxecto que nace ao abeiro de ter que cortar ao tráfico estes espazos cada vez que organizan algunhas das súas frecuentes citas cívicas y deportivas.
Buscan na experiencia de Pontevedra ideas para levar adiante a transformación. Eles recoñécense como unha cidade con atascos e bloqueos de circulación e aspiran a ser una cidade peonil, accesible e amable.