Unha decena de detidos nunha nova redada da Policía Nacional no poboado do Vao

Poio
13 de febreiro 2019
Actualizado: 16:24

A Policía Nacional realizou unha operación de forma simultánea no poboado chabolista do Vao, noutro punto do municipio de Poio e en zonas dos  concellos de Sanxenxo e Vilaboa. O punto central do operativo foi o asentamento marxinal de Poio 

Redada da Policía Nacional no Vao de Arriba / Mónica Patxot

A Policía Nacional detivo este mércores a unha decena de persoas pola súa presunta implicación con tráfico de drogas nunha operación realizada de forma simultánea no poboado chabolista do Vao, noutro punto do municipio de Poio e en zonas dos concellos de Sanxenxo e Vilaboa. O punto central do operativo foi o asentamento marxinal de Poio, onde se despregaron ao redor de 40 efectivos durante máis de cinco horas. 

O operativo antidroga diríxeo o Xulgado de Instrución número 2 de Cangas e decretou o segredo das actuacións, de modo que a Policía Nacional descarta de momento realizar un balance oficial da operación e tan só confirman que se realizou. Outras fontes consultadas si confirman que houbo rexistros e detencións e cifran os arrestos nunha cifra entre sete e dez. 

O operativo implicou a decenas de efectivos de distintas unidades da Policía Nacional, entre eles, o Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Comisaría Provincial e unha unidade canina desprazada desde A Coruña con cans especializados no rastrexo de diñeiro e drogas. Así mesmo, contaron co apoio de medios aéreos e un helicóptero sobrevoou toda a zona do Vao durante toda a mañá. 

O operativo realizouse de forma simultánea en cinco puntos diferentes a partir das sete da mañá deste mércores, aínda que o punto no que resultou máis espectacular foi o poboado do  Vao. A pesar de que rexistraron varios puntos do asentamento, o labor policial centrouse nunha chabola situada no Vao de Arriba, na que rexistraron durante varias horas tanto o interior da construción como un vehículo dos seus propietarios. Finalmente, un dos dous moradores saíu detido e esposado nun coche rotulado da Policía Nacional. 

En total, hai constancia de polo menos sete rexistros, aínda que poderían elevarse cando se facilite o balance final do operativo. De momento, non está previsto que os detidos sexan postos a disposición xudicial nas próximas horas, senón previsiblemente o venres. Mentres tanto, a operación segue aberta e non se descarta que a Policía realice máis actuacións. 

Con motivo deste operativo policial vivíronse nas poboado escenas de gran tensión. Varias decenas de veciños do poboado concentráronse nunha zona común do asentamento chabolista, a poucos metros da construción na que se centrou o traballo policial. Mostráronse moi nerviosos, producíronse berros e mesmo ameazas aos traballadores dos medios de comunicación que cubrían a información da redada policial.