Unha condutora ferida en Meaño tras impactar contra un poste do tendido eléctrico

O Salnés
12 de setembro 2024

O accidente producíase o mércores en horario matinal na estrada EP-9205 en Padrenda, no municipio de Meaño. A condutora, veciña deste Concello, perdeu o control do vehículo e impactou contra o poste que quedaba inclinado. Foi trasladada ao Hospital Quirón Salud para unha exploración das feridas sufridas

A condutora ferida en Meaño é atendida polos servizos de Emerxencia
A condutora ferida en Meaño é atendida polos servizos de Emerxencia / Servizos de Emerxencia de Sanxenxo

Unha moza veciña de Meaño sufría un accidente durante a mañá do mércores en Padrenda, no municipio de Meaño, cando circulaba pola estrada EP-9205.

A condutora perdía o control do turismo e impactaba contra un poste do tendido eléctrico, segundo indican desde o servizo de Emerxencias de Sanxenxo, que acudiu ao lugar para socorrer á vítima do sinistro.

Como consecuencia do forte impacto, o poste eléctrico quedaba inclinado sobre a estrada con perigo de que se desprendera.

Foi necesario desviar a circulación de vehículos para que operarios da empresa do servizo eléctrico reparasen a estrutura.

A vítima do accidente foi trasladada ao Hospital Quirón Salud de Pontevedra para unha exploración das feridas sufridas.

Ata o lugar desprazábanse integrantes do GES de Sanxenxo, ademais da Garda Civil e da Policía Local de Meaño.