Unha comisión técnica asesorará os concellos na posta en marcha de medidas pola crise da Covid19

Pontevedra
15 de maio 2020

A Deputación de Pontevedra reuniu este venres ao seu Comité de Seguimento fronte á enfermidade da Covid-19 que acordou a posta en marcha dunha Comisión Técnica de apoio local, que asesorará aos concellos na aplicación de medidas e elaborará un documento técnico que sirva de guía

Comité de Seguemento da Covid-19 na Deputación de Pontevedra
Comité de Seguemento da Covid-19 na Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra reuniu este venres ao seu Comité de Seguimento fronte á enfermidade da Covid-19 que acordou a posta en marcha dunha Comisión Técnica de apoio local, que asesorará aos concellos na aplicación de medidas e elaborará un documento técnico que sirva de guía.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, explicou nunha rolda de prensa telemática que o asesoramento desta Comisión Técnica será relativo ás modificacións orzamentarias, uso de espazos públicos ou competencias municipais coas que se poden adoptar medidas en todos os ámbitos da súa xestión para afrontar esta crise.

Esta Comisión resolverá as dúbidas dos concellos sobre como se poden facer as modificacións orzamentarias, liñas de subvencións, actuacións en cemiterios, limpeza viaria, feiras, mercados, lonxas, comercio ambulante, materia impositiva, uso do espazo público, solucións para facilitar o distanciamento social, actuacións en praias, entre outros moitos asuntos.

Ademais crearase un espazo web no que subir todas as consultas feitas polos concellos e as súas respostas para que de maneira global poidan ser usadas por outros concellos.

Tamén se redactará un documento "de carácter dinámico e vivo" que recolla todas as medidas e estratexias que leven a cabo no ámbito municipal (cambio de normativa, instrucións, ordes, etc.).

Carmela Silva destacou que "a súa composición será paritaria" e estará integrada por 14 persoas e coordinada por Gabriel Rodríguez Alonso, responsable do servizo de asistencia técnica intermunicipal da Deputación.