Unha clínica de Vilagarcía, implicada nunha trama que falsificaba certificados de PCR e test de antíxenos

O Salnés
01 de marzo 2022

La organización proporcionaba certificados que aparentaban cumprir todos os requisitos legais para viaxar ao estranxeiro, pero realmente carecían de validez legal. Cobraban 30 euros por un test de antíxenos e 120 por unha PCR. Hai tres persoas detidas e unha máis imputada

Documentación incautada dentro da operación Xermánica
Documentación incautada dentro da operación Xermánica

Unha clínica de Vilagarcía de Arousa aparece implicada dentro dunha organización que proporcionaba aos pacientes certificados falsos de probas PCR e test de antíxenos para detectar a covid-19 que aparentaban todos os requisitos legais para viaxar ao estranxeiro, pero realmente carecían de validez legal. 

A trama foi desarticulada por axentes da sección de Investigación da Xefatura da Policía Autonómica no marco da investigación denominada Operación Xermánica, que continúa aberta e ata agora levou á detención de 3 persoas e a imputación dunha cuarta

Estas catro persoas están investigadas por delitos contra a saúde pública, organización criminal, falsidade documental, usurpación de funcións públicas, intrusismo, suplantación de identidade e estafa. Entre os detidos está o suposto líder da organización.

A actividade desta clínica e da outra de O Milladoiro (Ames) que mantiña aberta a organización foi clausurada pola Inspección de Servizos Sanitarios da Consellería de Sanidade.

A investigación iniciouse en xaneiro, cando a Consellería de Sanidade solicitou a colaboración da Policía Autonómica, tras detectar que unha clínica da localidade coruñesa de Ames presuntamente manipulou o resultado dunha proba diagnóstica de covid-19. 

A investigación localizou tres sedes da citada organización, das que unha xa non contaba con actividade no momento da investigación e as outras continuaban coas tomas de mostras e coa emisión dos certificados falsos. Unha está en O Milladoiro (Ames) e a outra en Vilagarcía e cobraban 30 euros por un test de antíxenos e 120 por unha PCR. 

Os certificados que emitían levaban o logo das clínicas e un código QR, pero os axentes puideron comprobar que ningunha das clínicas contaba cos requisitos sanitarios legais para o seu funcionamento como centro sanitario e unha parte dos traballadores carecía da titulación sanitaria necesaria. Tampouco cumprían cos requisitos ditados pola Lei de Protección de Datos.

As instalacións simulaban un verdadeiro centro sanitario, contaban con carteis informativos na fachada e nas proximidades, con publicidade no xornal, nas redes sociais e  con páxina web propia. Realizaban a toma da mostra e emitían un certificado simulado co resultado da proba. Ademais, facían firmar ao paciente un consentimento informado e un documento de Protección de datos. 

A Policía Autonómica conseguiu documentar aproximadamente unhas 4.000 falsidades documentais dentro dos expedientes incautados nos rexistros realizados, aínda que ten constancia que a trama expediu un maior número de certificados. Parte desa documentación foi destruída e non se conservan copias dos arquivos en papel. 

A actividade desta trama iniciouse cando, debido ás restricións sanitarias da pandemia, se comezou a esixir o certificado PCR ou de antíxenos para poder viaxar.