O Concello de Poio ultima, como é habitual todos os anos, unha ampla programación festiva para celebrar o seu Entroido, o máis longo de toda a comarca de Pontevedra.
E nesta ocasión será mesmo un chisco máis grande. O inicio do Entroido adiantarase un día. Será cunha gran festa de benvida que se celebrará o venres 1 de marzo na Praza da Granxa, en Campelo.
A concelleira de Cultura e Festexos, Lidia Salgueiro, explica que este evento servirá ademais como posta de longo dunha das figuras mais representativas de Entroido no concello, o Galo Fodorico, e para animar aos veciños para que participe nestas festas.
Así se acordou nunha xuntanza que o goberno municipal mantivo este venres cos colectivos, comparsas e grupos participantes no Entroido, para perfilar todas as iniciativas que se incluirán na programación.
O eixo sobre o que xirarán estas propostas será o fomento da participación no desfile principal, que terá lugar o domingo 3 de marzo ao longo da PO-308 e do enterro do Galo Fodorico, que porá punto e final a semanas de moita festa.
Ademais, Poio prevé recuperar un entroido tradicional coa choqueirada como fío condutor e o desenvolvemento de actividades novidosas e interactivas espalladas polas parroquias con música en directo.
Na xuntanza, por outra banda, acordouse manter as bases reguladoras do concurso de disfraces e a entrega de premios no recinto de A Seca, onde a diversión estará garantida.
Dende a concellería queren agradecer a todas as persoas e colectivos implicados a súa colaboración e participación para que o Entroido sexa, unha vez máis, un referente en Poio e en toda a comarca.