Unha charla e un concerto benéfico, para recadar fondos para os refuxiados en Idomeni

Pontevedra
19 de maio 2016

O bombeiro e voluntario independente Miguel Ángel Fernández Álvarez impartirá a charla e os grupos pontevedreses Flip Corale, Cora Sayers, Mr. Magoo e Dany Moure amenizarán o acto

Fotografía da exposición "Exodus: o drama dos refuxiados en Europa"
Fotografía da exposición "Exodus: o drama dos refuxiados en Europa"

O Salón Nobre do Liceo Casino de Pontevedra acolle este venres, día 20, ás 21.30 horas, unha charla e un concerto benéfico para colaborar coa ONGD Bombeiros en Acción, co obxectivo de recadar fondos para os refuxiados que se atopan en Idomeni.

Idomeni é unha pequena localidade grega fronteiriza con Macedonia que se converteu nun dos epicentros da crise dos refuxiados europea. Punto de entrada a Europa pola chamada Ruta dos Balcáns, neste campamento concéntranse máis de 13.250 refuxiados que fuxiron de conflitos como a guerra en Siria ou os que azoutan países como Afganistán.

Bombeiros en Acción ten instalado un posto de mando avanzado, no que traballa persoal sanitario español desprazado alí.

Para concienciar sobre esta dramática realidade, Miguel Ángel Fernández Álvarez, bombeiro no Servizo de Extinción de Incendios en Santiago de Compostela e natural de Pontevedra, contará de primeira man o que ocorre no maior campo de refuxiados da Europa continental. Voluntario independente, permaneceu en Idomeni, desde o 23 de febreiro ao 6 de abril, tras facer cambios de gardas e xuntar as súas vacacións e días libres.

Ao finalizar a charla, terá lugar un concerto benéfico que será ofrecido por catro grupos de Pontevedra: Flip Corale, Cora Sayers, Mr. Magoo e Dany Moure.

Na realización do evento colaboran, ademais do propio Liceo Casino, entidades como Aleata, Disnieto e Trisquelia Comunicación, e establécese unha entrada de cinco euros, que se poderá adquirir no Casino, Cafetería Maxisterio, Comercial Real e Mourente Lavado.

Aquelas persoas ás que non lles sexa posible acudir á cita, pero queiran igualmente colaborar, terán á súa disposición unha Fila 0, a través da cal, poderán facer chegar a súa achega e axuda.

Arquivado en