O Concello de Sanxenxo, en colaboración con Ecovidrio, pon en marcha unha campaña para impulsar a reciclaxe de envases de vidro nos establecementos hostaleiros do municipio.
A través de visitas personalizadas, lembrarase aos establecementos a obrigatoriedade de separar estes envases, en liña co cumprimento da ordenanza municipal.
A hostalería xera, aproximadamente, o 50% dos envases de vidro dun só uso polo que a súa colaboración é clave para incrementar as cifras de recollida selectiva de envases de vidro e a consecución de obxectivos de reciclaxe. Por iso, avanzar na implantación de hábitos sostibles no sector supón unha mellora significativa na loita contra o cambio climático, e para a saúde da cidade.
Durante as próximas semanas, un equipo de educadores ambientais realizará enquisas e entrevistas aos establecementos de hostalería de Sanxenxo, para coñecer de primeira man cales son as súas necesidades e poder adecuar os recursos existentes.
Ademais, ofrecerán información detallada aos locais de como reciclar correctamente e das vantaxes sociais, económicas e ambientais que ten a reciclaxe de envases de vidro.
Co fin de facilitar a reciclaxe de vidro na canle Horeca (Hostalería, Restauración e Cátering), entregarase, sen custo para o sector hostaleiro, cubos adaptados para facilitar o transporte dos residuos de vidro.
Para levar adiante esta iniciativa, poñerase en marcha un traballo de campo para reforzar o coñecemento da normativa actual en materia de reciclaxe de envases de vidro.
ACTIVIDADE NAS DUNAS DE BALTAR
O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) en colaboración coa Concellería de Medio Ambiente realizaron este xoves unha actividade de retirada de especies invasoras nas dunas de Baltar con 37 nenos de 4º da ESO do IES de Sanxenxo.
A xornada de traballo enmárcase dentro dunha campaña de educación ambiental do CES coa que se busca erradicar a margarida africana, a uña de gato, as canas e a arctotheca caléndula. O obxectivo é protexer e preservar o ecosistema dunar. O Concello de Sanxenxo facilitou para a actividade o material necesario para a extracción e retirada das plantas, así como persoal municipal.