Un ano despois do primeiro Plan Social de Ence, as asociacións e colectivos que participaron nesta iniciativa fan balance de como evolucionaron uns proxectos que, sen o empuxe económico de Ence, dificilmente poderían levar adiante.
Nesta ocasión, ocupámonos de dúas iniciativas de asociacións de ámbitos moi diferentes pero que comparten un grande impacto na sociedade: a Asociación de Acción Solidaria Sor Elvira e o Gremio de Mareantes de Pontevedra.
Julio Santos Pena representa á Asociación de Acción Solidaria Sor Elvira dun modo casual. Ao falecer Sor Elvira, xunto dun grupo de exlumnos da relixiosa, decidiu continuar o seu labor. Hoxe a Asociación dá cobertura de alimentos "a 52 familias e un número oscilante segundo o momento do ano de entre 50 a cen inmigrantes que se fornecen da nosa despensa", segundo comenta Julio Santos.
Para dar resposta a estas familias, atopábanse cun grave problema para manter os produtos frescos en perfectas condicións de almacenamento. Por este motivo, solicitaron ao Plan Social de Ence a dotación dunha cámara de frío para alimentos perecedoiros: "melloramos ao 90% a capacidade para conservar os alimentos" xa que, sobre todo nos meses de verán "tiñamos que dar saída aos alimentos perecedoiros en apenas un ou dous días".
Deste xeito, poderán xestionar mellor os alimentos que solicitan os usuarios deste centro, situado na rúa Secundino Lorenzo de Marín, pois, como indica Julio Santos "non damos paquetes pechados, senón o que necesitan". Neste sentido, ademais de familias en situación de desemprego ou que non chegan a final de mes, Julio Santos comenta un caso especial, o de "un grupo de familias que non sei por que se lles chama vergonzantes, que son persoas que non se atreven a pedir porque a vida de súpeto foilles mal e teñen vergoña e entón hai que localizalas, achegarse a elas e botarlles unha man". Unha tarefa na que se involucra todo o equipo de voluntarios.
Traballo voluntario, noutro sentido, é o que realiza a xunta directiva da Asociación do Gremio de Mareantes de Pontevedra. No seu afán por recuperar a historia do que foi un dos motores económicos da cidade de Pontevedra vén de editar, co financiamento do Plan Social de Ence, un libro que, en palabras do presidente do Gremio de Mareantes, José Luis Arellano, é "unha compilación de documentación de todo o relativo ao Gremio de Marerantes, para que tanto os membros do Gremio como os cidadáns de Pontevedra soubesen a historia máis a fondo".
Precisamente, José Luis Arellano foi o encargado de realizar esta compilación, extractando a documentación achegada na súa maioría polo Museo de Pontevedra, así como documentos do propio Gremio e textos de Xosé Filgueira Valverde e Casto Sampedro. O título do libro dános unha idea do laborioso traballo de compilación que hai detrás: 'Ocho siglos de historia y tradición. De Cofradía do Corpo Santo a Gremio de Mareantes'.
Trátase de poñer en valor a historia pero tamén o presente dun Gremio que conta con 400 membros "que son máis porque os familiares de cada asociado adquiren tamén o dereito de ser membro". O único requisito para asociarse é a vinculación co mar, xa sexa de modo profesional ou como deporte. Por iso, este libro concibiuse "por e para o Gremio", de maneira que todos os dereitos están a nome do mesmo. Un proxecto ilusionante que, "sen a axuda de Ence, ao non ter nós capacidade económica, sería imposible", lembra Arellano.