Unha de cada cinco vítimas de violencia de xénero de Pontevedra naceu fóra de España

Pontevedra
20 de marzo 2025
Actualizado: 11:43

"Temos a obriga de impedir a dobre vitimización”, sinalou Abel Losada durante unha formación sobre autorizacións de residencia e traballo para vítimas de violencia de xénero estranxeiras

Xornada formativa sobre autorizacións de residencia e traballo para vítimas de violencia de xénero estranxeiras
Xornada formativa sobre autorizacións de residencia e traballo para vítimas de violencia de xénero estranxeiras / Subdelegación do Goberno en Pontevedra

Das 1.790 vítimas de violencia de xénero que están no sistema VioGén na provincia de Pontevedra, 381 son estranxeiras, de maneira que case unha de cada cinco vítimas naceu fóra de España.

O dato deuno a coñecer este xoves o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, que pediu: "Temos a obriga de impedir a dobre vitimización".

Losada tamén recordou que dos dous feminicidios rexistrados o ano pasado na provincia, unha era unha muller marroquí que non tiña regularizada a súa presencia en España, "unha muller que quería traballar, estabilizarse e buscar un futuro para ela e o seu fillo no noso país".

O subdelegado do Goberno fixo estas valoracións na apertura dunha xornada formativa sobre autorizacións de residencia e traballo para vítimas de violencia de xénero estranxeiras en aplicación do novo regulamento de estranxeiría que entrará en vigor o vindeiro día 20 de maio con importantes novidades neste eido.

O acto pecha a programación institucional da Subdelegación do Goberno con motivo do 8M.

Juan Carlos Vázquez Rodríguez, xefe da oficina de Estranxeiría da Subdelegación, foi o responsable da actividade, na que participaron preto dun cento de profesionais dos CIM, Servizos Sociais, ONG, oficinas de Igualdade, colexios profesionais, membros das Forzas e Corpos de Seguridade e asociacións do eido feminista.
 
Co novo regulamento, as mulleres estranxeiras teñen novas oportunidades de autorización de residencia temporal e de traballo, así como para os fillos e fillas que teñan ao seu cargo, e vaise facilitar a acreditación da condición de vítima.

Esta nova norma ten en conta realidades familiares que antes non se contemplaban, como a das parellas non rexistradas formalmente, permitindo así que poidan acreditar unha relación afectiva análoga ou o reagrupamento de fillos e fillas e ascendentes.