O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o resultado das obras de embelecemento levadas polo Concello da Lama na avenida Barreiro Cabanelas.
Alí aproveitou para informar da continuación das obras, que será posible grazas ás subvencións de Turismo de Galicia a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas.
Con esta axuda de 30.000 dáse continuidade a unha obra realizada no ano 2022 ao abeiro destas mesmas subvencións e que permitiu substituír o pavimento de asfalto por pedra para conseguir unha maior harmonía e coherencia coa estética do lugar.
Estas axudas contan cun orzamento de preto de dous millóns de euros en toda Galicia, que beneficiarán a un total de 66 concellos, nove deles na provincia de Pontevedra cun investimento total de preto de 270.000 euros.
Acompañado polo alcalde da Lama, David Carrera, e por algúns veciños da zona, o delegado territorial asegurou sentirse "moi sorprendido pola historia e patrimonio" do lugar, que conta con varios bens declarados de Interese cultural (BIC).
Ademais quixo lembrar a importancia de "axudar aos concellos a manter o patrimonio en boas condicións e seguir apoiando accións que dean a coñecer lugares tan fantásticos e cheos de historia como Laxedo".