Unha avaría nun transformador deixa sen luz a Campolongo durante a noite

Pontevedra
08 de outubro 2015

O transformador eléctrico subterráneo que se atopa na rúa Iglesias Vilarelle, no acceso para vehículos á Igrexa de San Xosé, provocou a alarma dos veciños ao pegar un estoupido arredor das 22.30 horas deixando un forte cheiro a queimado na zona

Apagón en Campolongo por unha avaría no transformador
Apagón en Campolongo por unha avaría no transformador / Diego Torrado

A Policía Local de Pontevedra tivo que trasladarse ata a urbanización de Campolongo durante a noite deste mércores 7 despois de recibir a chamada dos veciños alertados tras escoitar un estoupido e quedar sen luz.

Arredor das 22.30 horas, o transformador eléctrico subterráneo situado na rúa Iglesias Vilarelle, na entrada de vehículos á Igrexa de San Xosé de Campolongo, sufría unha avaría causando un apagón que afectou á urbanización e mesmo chegou a deixar sen luz varias rúas do centro de Pontevedra como a da Oliva.

Numerosos veciños da zona alarmados polo estoupido e tras comprobar a presenza de fume e ao mal olor orixinado pola avaría baixaron ata a rúa para comprobar que sucedera. O transformador atópase a carón da entrada dun garaxe dun dos edificios desa rúa.

Pasada a medianoite, os operarios de Fenosa conseguiron resolver a avaría e restableceron o servizo eléctrico sinalando que unha das fases se recalentara e chegou a queimarse provocando unha explosión que levantou a tapa de ferro que cobre o transformador.