Unha auditoría detectará deficiencias na rede de saneamento de Moraña

Umia
03 de outubro 2024

A auditoría abranguerá os 66 quilómetros de canalización, 15 bombeos, a depuradora de Afieiras e os 18 decantadores do servizo. O goberno local investirá 17.424 euros neste estudo, dos cales 13.939 euros proceden dunha achega de Augas de Galicia

Tubaxes da rede de saneamento de Moraña
Tubaxes da rede de saneamento de Moraña /

O Concello de Moraña ten en marcha un proxecto para modernizar a súa rede municipal de saneamento.

A iniciativa, que se desenvolverá en formato plurianual, comeza cunha exhaustiva auditoría destinada a detectar infiltracións e deficiencias en toda a infraestrutura.

A auditoría abranguerá os 66 quilómetros de canalización, 15 bombeos, a depuradora de Afieiras e os 18 decantadores do servizo.

O goberno local investirá 17.424 euros neste estudo, dos cales 13.939 euros proceden dunha achega da entidade pública Augas de Galicia.

Durante os próximos catro meses, persoal especializado examinará 50 quilómetros de ramais da rede, 16 quilómetros de colectores, o funcionamento das canalizacións por gravidade, os bombeos, os decantadores e a Estación Depuradora de Augas Residuais

O resultado será un inventario detallado das deficiencias e un conxunto de medidas corretoras, avaliadas técnica e economicamente.

Este documento servirá como folla de ruta para os futuros investimentos na mellora do servizo.

O alcalde de Moraña, Sito Gómez, destacou que o 95% da poboación do municipio, de máis de 3.800 residentes, xa está conectada á rede de saneamento, que chega a 53 lugares. Non obstante, recoñeceu a necesidade de renovar parte das canalizacións máis antigas.

"Chegou o momento da súa renovación, sobre todo alí onde as tubaxes son máis vellas e están máis deterioradas, xa que queremos ofrecer a máxima calidade aos veciños nun servizo básico e adiantarnos a posibles problemas que poidan xurdir no futuro", afirmou o alcalde.

Gómez sinala que, a diferenza doutros concellos, en Moraña o saneamento chega a case toda a poboación. Aínda así, comprometeu esforzos nos próximos tres anos para atender as zonas que aínda quedan pendentes de conexión á rede.