Ao longo desta semana de agosto realízanse rozas na área Arqueolóxica de Tourón. En 2020, segundo indica o Concello de Ponte Caldelas, estes traballos por parte do Concello non se puideron executar, segundo o goberno local, debido ás esixencias establecidas por Patrimonio da Xunta de Galicia, que non se requiriron con anterioridade ao reclamar un proxecto. Unha vez enviado, sempre segundo as mesmas fontes, a Xunta tardou máis de nove meses en emitir a resposta na que esixían a presenza dun profesional en arqueoloxía.
Nesta ocasión, unha arqueóloga supervisa os traballos desde o 9 de agosto. Realízanse a través de medios manuais nas zonas próximas ás estacións de petróglifos e mecánicos no resto da zona de actuación dentro duns 15.000 metros cadrados que ocupa este espazo arqueolóxico.
Segundo lembra Andrés Díaz, cando chegou á alcaldía en 2015, esta zona patrimonial atopábase en estado de abandono con toxos de gran tamaño. Desde entón todos os anos, menos no 2020, realízanse labores de limpeza, roza e conservación.
Está previsto que estes traballos de roza finalicen nos próximos días e despois se acometerán actuacións de reparación do patrimonio.