Unha árbore de vinte metros na Praza de Galicia, récord para as luces de Nadal en Vilagarcía

O Salnés
06 de novembro 2020

A iluminación vaise a colocar nas rúas de Vilagarcía, Carril e Vilaxoán así como nos centros socio culturais de todas as parroquias do municipio. A encargada do alumeado será a empresa Iluminaciones Santiaguesas, que recibirá case 78.000 euros

Iluminación de Nadal en Vilagarcía
Iluminación de Nadal en Vilagarcía / Concello de Vilagarcía de Arousa

Que todo estea listo o venres 27 de novembro, día no que está previsto inaugurar a decoración do Nadal. É o obxectivo que se marca o goberno municipal de Vilagarcía, que adianta que a instalación das luces comezará a realizarse este venres.

A iluminación vaise a colocar nas rúas de Vilagarcía, Carril e Vilaxoán así como nos centros socio culturais de todas as parroquias do municipio. A encargada do alumeado será a empresa Iluminaciones Santiaguesas, que recibirá case 78.000 euros.

O contrato, iso si, inclúe tamén as luces para as festas de San Roque e Santa Rita.

No caso do Nadal, o maior atractivo será a árbore cónica de 20 metros que presidirá a Praza de Galicia, o máis alto xamais instalado neste punto.

De non producirse ningún imprevisto, as luces estarán postas ata o 7 de xaneiro. Serán 42 días nas que as rúas permanecerán decoradas entre as seis da tarde e a unha da madrugada. 

A ambientación de Nadal en rúas e espazos públicos realizarase con arcos lumínicos, rótulos, adornos en farois e árbores de parques e xardíns, decoración de rotondas e de fachadas de edificios emblemáticos como a Casa Consistorial.

Ademais, haberá  os tradicionais conos tridimensionais no centro de Vilagarcía, en Vilaxoán e en Carril. Nestas últimas dúas zonas tamén se decorarán ás árbores e se ampliará o número de rúas a decorar con arcos.

Como o ano pasado, tamén haberá photocalls con motivos de Nadal para que as persoas que o desexen poidan sacarse fotos coas que felicitar as festas dende Vilagarcía e se repetirá a proxección de frases desexando bo Nadal en lugares destacados mediante a utilización de globos.

Dada a complicada situación que atravesa o comercio e a hostalaría como consecuencia da pandemia, o Concello asegura que adiantou máis do habitual o prendido da iluminación para potenciar o efecto dinamizador da actividade comercial durante a campaña de ventas máis importantes do ano.

Á espera de ver como evoluciona a pandemia nas vindeiras semanas coas novas restricións aplicadas antes de decidir se se manteñen ou suspenden de forma definitiva as celebracións públicas máis relevantes, o alumeado e a decoración de rúas serán o principal elemento para contribuír a manter o espírito do Nadal este ano.