Unha APP permitirá ao comedor escolar da Lama planificar mellor os seus gastos

A Lama
25 de outubro 2024

O programa "Come Local", da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, entregou ao colexio unha tablet provista do software necesario para facer unha mellor planificación deste servizo

O Ceip da Lama conta cunha nova tablet
O Ceip da Lama conta cunha nova tablet / Concello da Lama

O Concello da Lama entregou unha tablet ás cociñeiras do comedor escolar e ao director do CEIP.

Esta ferramenta forma parte do programa "Come Local", da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, e está provista do software necesario para facilitar o cálculo do gasto e unha mellor planificación deste servizo.

Esta iniciativa permite ao alumnado do centro ter acceso a varios produtos galegos con certificados de calidade (Denominación de Orixe Protexida, Indicación Xeográfica Protexida e Ecolóxicos de proximidade) e cunha trazabilidade garantida.

O CEIP A Lama conta agora cunha aplicación (APP) con toda a información da campaña, así como outro material, como por exemplo, propostas de menús para cada estación, fichas técnicas de pratos, un manual de seguridade alimentaria e outros recursos que axudarán na xestión do comedor.

Durante a posta en marcha desta iniciativa, impartíronse charlas de educación alimentaria para os estudantes nas cales se lles proporcionou material sobre as tempadas de froitas e verduras en Galicia.

Ademais, recibiron formación as cociñeiras do comedor sobre etiquetado alimentario para que saiban diferenciar as certificacións e coñezan tamén o que implica cada unha.

Tamén se asesorou ao persoal de cociña e de comedor sobre aprovisionamento e resolvéronse as dúbidas á hora de xestionar os residuos do centro; accións formativas e asesoramento sobre seguridade alimentaria e asesoramento e intervención dunha experta en nutrición para axudar a introducir os produtos con certificado de calidade.