A mancomunidade Terras de Pontevedra fixou as liñas de traballo para este ano. Co obxectivo de seguir a promocionar este destino turístico, renovaron o convenio coa Xunta, por valor de 104.915 euros, cos que se pretende consolidar a súa imaxe de marca coa promoción e comercialización dos seus produtos turísticos.
Unha das principais actuacións será a implantación e desenvolvemento de novas tecnoloxías con proxectos que van dende o deseño, adaptación e melloras dunha APP de arte rupestre dirixida ao público familiar, á actualización e desenvolvemento de novos recursos na súa páxina web ou a accións de márketing en liña.
Traballarase ademais na promoción e comercialización do destino e dos seus recursos turísticos, invitando a xornalistas e operadores turísticos que protagonizarán unha experiencia turística vivindo tres días no territorio.
No mes de outubro, celebraranse unhas xornadas profesionais no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro sobre a creación do produto turístico da arte rupestre e a súa comercialización, con poñentes expertos como Pilar Fatas (directora do Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira), Jordi Tresserras (director de Ibertur) ou Ramón Montes (xerente do Itinerario Cultural Europeo de Camiños da Arte Rupestre).
Tamén se crearán os premios de promoción turística Terras de Pontevedra co obxectivo de dar a coñecer o seu patrimonio turístico a través das ferramentas de comunicación máis novidosas e innovadoras e coa participación de mozos; e se elaborarán novos materiais de promoción para difundir en hoteis, oficinas de turismo e centros turísticos.
O turismo accesible será outros dos eixos. Así desenvolverase un primeiro estudo de adaptación da oferta hoteleira en accesibilidade e sustentabilidade dos hoteis situados no ámbito de actuación da mancomunidade.
Terras de Pontevedra está integrada polos concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, e está en trámites para incorporarse os concellos de A Lama e Barro, cos que se reforzará o destino turístico.