Desde hai corenta anos, gran parte do tramo urbano do río Gafos está cuberto. Uns 525 metros, ao paso do río polo barrio de Campolongo, non reciben luz solar. Pero esta situación parece que vai cambiar. Cada vez son máis as voces que esixen destapar o río e devolver a vida que tivo no seu día e, nesta ocasión, parece que o Concello está disposto a facelo.
Decenas de persoas participaron este sábado nunha 'andaina' reivindicativa, organizada por Vaipolorío e a asociación de veciños San José de Campolongo, que lles permitiu percorrer este espazo soterrado, descoñecido para a práctica totalidade dos cidadáns.
Os participantes, ataviados con lanternas e botas de auga, puideron comprobar o estado no que se atopa o río Gafos nesta zona.
"Non é a primeira vez que nos metemos", explicou Gonzalo Sancho, presidente de Vaipolorío, que reiterou a necesidade de destapar o río "e darlle vida que tivo nun tempo". Esta actuación sería, engadiu, a "guinda" á recuperación ambiental dun río que "durante moito tempo foi un basureiro" e que hoxe en día " é unha xoia de Pontevedra".
O portavoz veciñal Juan Manuel Loureiro lembrou que "levamos anos reclamando isto" e defendeu que sería "totalmente compatible" cos usos urbanos que hai ao redor deste espazo. Os "medos" que había inicialmente entre os veciños, asegurou, "xa desapareceron" e por iso "cada vez máis xente cre neste proxecto".
Esta 'andaina' xorde despois de que o concelleiro de Desenvolvemento Sustentable e Medio Natural, Iván Puentes, anunciase que durante o actual mandato municipal finalmente empezará a materializarse o proxecto para destapar o tramo urbano do río Gafos.
O edil socialista, que participou nesta actividade, sinalou que "para calquera que teña dúbidas de se hai necesidade de destapar o río, un paseo como este pode abrir bastante os ollos". Se tecnicamente é viable executalo, dixo, "o resto é só cousa de tempo e de esforzo" para poder integrar toda a zona urbana do Gafos nunha especie de parque lineal.
Para iso, Puentes sinalou que haberá tres pasos "fundamentais". Son un informe de viabilidade do proxecto, unha memoria económica que reflicta o seu custo e a redacción do proxecto de rehabilitación do río entre a avenida de Vigo e a desembocadura na zona de As Corbaceiras.