Unha andaina para que Pontevedra "non perda o norte"

Pontevedra
30 de marzo 2016

A asociación cultural Sondexeve celebra a 'Festa da primavera' este domingo 3 de abril cunha andaina ata a fervenza de Seoane. Posteriormente, os asistentes poderán asistir á exposición de canteiros no Centro Cultural de Xeve. Pola tarde, haberá actuación do grupo Fírveda 

Andainas de 'Natureza nos Camiños'
Andainas de 'Natureza nos Camiños' / Concello de Pontevedra

"Unha andaina ao norte do Concello para que Pontevedra non perda o norte" así definiu o presidente da asociación cultural Sondexeve, Manolo Hermida, as actividades que están a preparar para celebrar a 'Festa da primavera', este domingo 3 de abril. 

Esta 'Festa da primavera', tamén denominada 'Festa da natureza', busca celebrar a chegada do cambio de estación. Ademais, tenta por en valor a paisaxe natural propia da parroquia de Xeve, destacaron Hermida e o concelleiro delegado del Rural, Demetrio Gómez, na presentación do programa este mércores 30.   

A xornada comezará cunha andaina ata a fervenza de Seoane, ás 10.30 horas. De camiño, visitarase o Marco da Estrada, un punto de unión entre diferentes concellos, e o monte Cucurrubio, máis coñecido como A Caseta. 

Dende as 11.00 horas do mesmo día poderase visitar unha exposición de pezas artísticas realizadas por canteiros, un oficio que está moi afincado na zona. O Museo da Memoria do Centro Cultural de Santa María de Xeve foi o lugar elixido para mostrar estas obras. 

Será no propio Centro Cultural, onde os interesados gozarán dunha "gran paella popular" ás 14.30 horas, amenizada con  música popular a cargo dun veciño da parroquia. Para acudir, compre inscribirse previamente, xa que haberá prazas limitadas. Pola tarde, ás 17.00 horas, actuará o dúo Fírveda, formado por Marina Hermida, violín, e Nerea Rodríguez, acordeón.

Nesta segunda edición, a asociación veuse obrigada a retrasar esta celebración debido a "motivos relixiosos" ao coincidir o inicio da primavera cos actos da Semana Santa, declarou o presidente de Sondexeve.