Unha administrativa dos Praceres acompañará a Luis Rei á fronte da candidatura de Marea Pontevedra

Pontevedra
08 de febreiro 2015

Unha "lección" ás demais forzas políticas, un "camiño novo" que abre Marea Pontevedra. Así cualificou Luis Rei o proceso de primarias que afrontou esta formación política durante os últimos días. E é que destaca que "ninguén impuxo nada" e que, por primeira vez, foron os pontevedreses "que se sumaron a esta convocatoria polo cambio" os que elixiron aos integrantes de toda unha candidatura electoral

Candidatura de Marea Pontevedra resultante do proceso de primarias
Candidatura de Marea Pontevedra resultante do proceso de primarias / PontevedraViva

Unha "lección" ás demais forzas políticas, un "camiño novo" que abre Marea Pontevedra. Así cualificou Luis Rei o proceso de primarias que afrontou esta formación política durante os últimos días. E é que destaca que "ninguén impuxo nada" e que, por primeira vez, foron os pontevedreses "que se sumaron a esta convocatoria polo cambio" os que elixiron aos integrantes de toda unha candidatura electoral.

Nas primarias de Marea Pontevedra participaron 178 persoas, un 49,03% dos inscritos no censo da formación -un total de 363 pontevedreses-. Deles, un 87,07% (155 votos) avalaron a opción do escritor Luis Rei, único candidato que se presentara a este proceso, como cabeza de lista. Outras 21 persoas votaron en branco e dous votos foron considerados nulos.

Na segunda das urnas habilitadas neste proceso, os membros de Marea Pontevedra elixiron ao groso da súa candidatura ás próximas eleccións municipais. O máis apoiado das catorce persoas que se presentaran foi Guillermo Casalderrey, arquitecto de 34 anos e membro de Podemos, que logrou 124 votos; fronte aos 115 de María del Carmen Moreira, integrante da Plataforma en defensa dos Praceres.

Eles son os protagonistas do único 'retoque' da lista resultante desta convocatoria de primarias. A de Marea Pontevedra será unha lista cremalleira, polo que a número 2 debía ser unha muller -ao ser Luis Rei o cabeza de lista-, polo que María del Carmen Moreira ocupará ese posto de privilexio. Guillermo Casalderrey ocupará, polo tanto, o terceiro posto desta candidatura cidadá.

Seguiranlles Herminia Dios, psicóloga e integrante da Marea Laranxa contra os recortes nos servizos sociais (84 votos); José Antonio Ramírez, da plataforma NON Crematorios (76 votos); María Luisa Lores, radióloga do CHOP e membro da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (70 votos); Bruno González Cacheda, estudante (65 votos) e Carmen Peña (62 votos), técnica en anatomía patolóxica.

Os quince primeiros postos de Marea Pontevedra complétanos David Carballal, voceiro de Anova Pontevedra (61 votos); Anxo Corbillón, libreiro e traballador de banca (60 votos); Vanessa Angustia, coordinadora de Esquerda Unida en Pontevedra (53 votos); o estudante Joshua Pérez (42), que con 19 anos é o máis novo da candidatura; e a hostaleira Raquel Vázquez (41 votos). Pechan a lista Cynthia Piña e Esteban Rey. 

Os dez postos restantes, ata os 25 obrigatorios, serán completados nunha próxima asemblea da Marea Pontevedra, aínda que Luis Rei avanzou que esperan contar con "importantes apoios" para fortalecer unha candidatura, da que o voceiro da comisión electoral destas primarias, Xan Hermida, destacou que "non é unha agregado de siglas", xa que os integrantes deste colectivo "votaron ás persoas e non ás tribus".

SATISFACCIÿN NO CANDIDATO

Tras concluír este proceso, Luis Rei mostrou a súa satisfacción por como se desenvolveu esta xornada de primarias da que, dixo, "ten que ser a pista de despegue dun proxecto que, a partir do 24 de maio, vai ter a misión de poñer en hora o reloxo de Pontevedra". Asegura que a prioridade será elaborar o programa electoral e manter un contacto constante coa cidadanía e os colectivos sociais. Os primeiros serán a xunta de persoal do Concello.

Pola súa banda, María del Carmen Moreira afirmou que "no me esperaba para nada" ser elixida a número 2 desta candidatura. Esta administrativa de 54 anos explicou que nunca pensou en implicarse na vida política, pero decidiu facelo despois de que "un tren nos destrozase la plaza de Os Placeres y nos obligara a salir a la calle". O seu obxectivo será "hacer lo que los que nos gobiernan no hacen" e conseguir que o Concello de Pontevedra "sea de todos".