Unha adega de Rías Baixas, entre as 100 mellores do mundo

O Salnés
06 de outubro 2014

A adega Zarate de Meaño é a única da Denominación de Orixe Rías Baixas que se coou na lista das mellores adegas realizado pola revista americana Wine&Spirits, na que só figuran cinco españolas. O galardón entregarase en San Francisco o próximo 21 de outubro

Viñedos da adega Zarate en Meaño
Viñedos da adega Zarate en Meaño / Zarate

A adega Zarate de Meaño encóntrase no Top 100 mundial das mellores adegas realizado pola revista americana Wine&Spirits. ÿ a única da Denominación de Orixe Rías Baixas que se coou na lista.

Segundo informou a propia adega, só cinco adegas españolas figuran neste listado. O galardón entregarase en San Francisco o próximo 21 de outubro e ao acto anuncia a súa asistencia o xerente de Zarate, Eulogio Pomares, que asegurou que "é un galardón realmente importante e con moito prestixio que nos abre as portas a mercados nos que se valora a calidade dos bos viños".

Para entrar na lista avalíanse as mellores notas globais en catas ao longo do ano. No caso de Zarate valorouse o conxunto de viños da adega pero destacan dous: Zarate Tras da Viña 2010 con 94 puntos sobre 100 e Zarate Espadeiro 2011 con 93 puntos. Wine&Spirits deu moi boa nota tanto ao albariño coma ao tinto de Rías Baixas desta adega.

Zarate tamén foi recoñecida este ano como mellor adega galega polo Instituto Galego do Viño. Se trata dunha propiedade familiar situada no municipio de Meaño, o corazón do Val do Salnés na provincia de Pontevedra e na Denominación de Orixe Rías Baixas. A propiedade encrávase nun pazo do século XVI e ten viñedos centenarios.

O premio de Wine&Spirits cumpre 11 anos e é un dos máis esperados polas adegas ao abrir o escaparate de Estados Unidos, que é un dos maiores importadores do mundo de viño da DO Rías Baixas. Ademais, a organización recada fondos no evento para San Francisco Baykeeper, que traballa para protexer os recursos hídricos, básicos para un bo viño.