Unanimidade para solicitar a unificación dos cursos de Infantil e Primaria en A Pedra

Bueu
05 de novembro 2024
Actualizado: 9:43

A proposta, presentada polos grupos do goberno de BNG e PSOE, propón xuntar o módulo de infantil cos de primaria por razóns de seguridade e de economía de medios

Pleno do Concello de Bueu
Pleno do Concello de Bueu / Concello de Bueu

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de novembro, na cal aprobouse por unanimidade unha moción para a unificación dos cursos de Infantil do CEIP Plurilingüe A Pedra cos de Primaria.

A proposta, que foi presentada polos grupos do goberno (BNG e PSOE), toma o espírito da que xa se aprobara en 2014 e reclama que a Consellería de Educación leve a cabo as xestións para que o alumnado se concentre nun só centro.

O colexio de A Pedra imparte formación para alumnado de infantil e primaria nunha única unidade administrativa, mais en dous edificios diferentes emprazados en parcelas separadas entre si.

Neste momento hai un total de 94 nenos no edificio de infantil que non conta na instalación nin con espazo para o comedor nin zona exterior pechada para os recreos dos días chuviosos. Ademais tampouco dispón de persoal administrativo nin de conserxería específico para estar fisicamente na totalidade do horario escolar, xa que o titular deste posto divide as súas funcións entre este edificio e o centro de primaria da rúa A Pedra.

O alumnado ten que desprazarse empregando o autobús para facer uso dos servizos de Plan Madruga e comedor, con toda a problemática que isto supón nos días chuviosos e de custo ambiental e económico, ademais de non ter acceso a servizos como a biblioteca nin contar cun ximnasio dun tamaño axeitado.

Tamén se ve condicionada a práctica e a convivencia docente con esta duplicidade de espazos, sobre todo no caso do profesorado para as materias específicas como para o persoal de orientación e coidados especiais que se comparten nos dous edificios.

O caso das familias con varios fillos no mesmo centro e en diferentes etapas escolares tamén se ve afectado pola situación actual en cuestións como a deixada ou recollida nos dous espazos.

Na actualidade, e no suposto que tecnicamente o espazo actual non permita a ampliación tamén cabe a posibilidade de que se destinen terreos anexos ao actual centro que teñen a cualificación urbanística axeitada, e os cales o Concello tamén se comprometería a pór a disposición da Xunta os terreos.