A Xunta lamenta e valora "negativamente" a aprobación no Parlamento Europeo do acordo pesqueiro entre a Unión Europea e Mauritania. Un protocolo que, recorda, deixa fóra á frota cefalopodeira galega. Unha vez ratificado este acordo, o goberno galego agarda que a UE téñaa en consideración cando se volva iniciar a negociación co país africano e pide que "canto antes" se busquen novos acordos e caladoiros que supoñan unha alternativa para esta frota.
Nun comunicado, o goberno galego recorda que "sempre se opuxo a este acordo por consideralo demasiado caro, infrautilizado e insuficiente", especialmente para o rendemento obtido e que sempre traballou para que este protocolo co país mauritano non chegara a ser ratificado. Nestes contactos, di a Xunta, se produciron xestións "que conseguiron mellorar de maneira substancial as condicións do acordo inicial".
Neste mesmo sentido expresáronse os partidos da oposición en Galicia. O eurodeputado socialista, Antolín Sánchez Presedo, asegurou que este acordo "sacrifica inxustamente á frota cefalopodeira galega" e que terá un impacto económico y social "traumático" para Galicia. Ademais, instou ás autoridades comunitarias a traballar " desde hoxe mesmo" por un novo protocolo "distinto e satisfactorio", porque o actual, dixo, ten "enormes desequilibrios".
AGE E BNG ESIXEN AO GOBERNO QUE BUSQUE ALTERNATIVAS
Pola súa banda, o deputado de AGE, Juan Fajardo, cualificou este protocolo como "absolutamente nocivo para a frota galega", un acordo que, segundo denunciou, "condena ao desemprego a centos de mariñeiros e resulta contraproducente para a propia poboación mauritana". Neste escenario, esixiu ao goberno que busque alternativas que non pasen por "faenar nas augas do Frente Polisario"
Desde o BNG, foi a ex eurodeputada Ana Miranda a que valorou negativamente este acordo e fixo un chamamento para que se inicien "de inmediato" negociacións con outros países como Senegal ou Guinea-Bissau para buscar caladoiros alternativos para os mariñeiros galegos. Recordou que os cefalopodeiros "levan 14 meses amarrados a porto sen poder traballar" e reclamou que se mantengan as axudas á tripulación e armadores mentres non teñan alternativas.