A corporación municipal púxose de acordo para traballar conxuntamente na resolución dun problema de seguridade cidadá que se vive, especialmente, na contorna de Augusto García Sánchez e da Praza da Ferrería, con xente que consome alcol e drogas na rúa.
"Non é algo novo e lonxe de solucionarse este problema vaise incrementando", explicou o socialista Iván Puentes, que presentou unha moción para que o Concello "reaccione" e adopte medidas "específicas" para resolver esta situación.
Puentes subliñou que hai problemas "case diarios" e, recentemente, "con discrepancias, insultos e ameazas veladas", o que crea unha situación "que nos ten que preocupar dobremente", desde a seguridade cidadá e da atención social ás persoas con adiccións.
"Sabemos que non ten unha solución máxica, que podamos darlle a unha tecla e se solucione ao día seguinte", recoñeceu o portavoz socialista, ao existir "problemáticas cruzadas", pero este problema "vai a máis" e esixe adoptar medidas "con prudencia e con tempo".
O popular Rafa Domínguez lamentou que Lores "no se entera de lo que pasa en Pontevedra" porque esta é unha situación "cronificada en el tiempo", celebrando que o PSOE "haya abierto los ojos" aos problemas da cidade e que "hace seis meses negaban".
"Solo quiere quedar bien con los vecinos", díxolle Domínguez aos socialistas, aos que lles pediu que "dejen el postureo y el hablar de boquilla", porque os problemas que ten Pontevedra "tienen solución en diez días hábiles", presentando unha moción de censura.
O goberno municipal sumouse a esta iniciativa, aínda que a responsable de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, mostrou o seu desacordo con que se fale dunha situación de inseguridade ou da existencia dun "clima hostil" debido a esta situación.
"Non é esa a situación que hai, máis alá de casos puntuais e concretos sobre os que xa estamos traballando", defendeu a edil, que considera que "chegar a eses niveis de catastrofismo non é positivo" porque Pontevedra "é unha cidade segura na que se garante a convivencia".
A pesar diso, comprometeuse a reforzar o traballo e os mecanismos existentes para afrontar esta situación, que recoñece que é "complicada" porque nada prohibe a estas persoas estar na rúa e as denuncias administrativas "teñen o percorrido que teñen".
OS PELLETS ELEVAN A TENSIÓN
Un cariz moito máis electoralista adquiriu o debate da segunda moción presentada ao pleno polos socialistas, na que a edil Paloma Castro esixiu á Xunta de Galicia que asumise a súa responsabilidade na xestión da marea plástica que sofre a costa galega.
Na crise dos pellets, segundo Castro, o goberno galego sumou un "cúmulo de despropósitos" e denunciou que a Xunta "non fixo nada" por protexer a costa e, no canto de impulsar unha "actuación dilixente", limitouse a responsabilizar ao Goberno central.
"A súa xestión foi unha parodia e constitúe unha falta total de respecto ao medio ambiente e á cidadanía", sostivo a concelleira socialista, que obtivo o apoio do BNG á súa moción porque, segundo Eva Vilaverde, a Xunta "non actuou porque non se lle deu importancia".
Aínda que entende que "non é comparable" á do Prestige, "si nos recorda a esa mala xestión", subliñou Vilaverde, polo que "se houbese un buque cargado de fuel estariamos vendo de novo as consecuencias que sufrimos hai vinte anos" porque "non hai ninguén ao mando".
Rafa Domínguez, que centrou a súa crítica no PSOE -aos que chamou "sinvergúenzas"-, censurou que se busque sacar "réditos políticos" a un accidente e o mar, tratando de conseguir votos "de forma rastrera", aínda que considera que "les está saliendo mal la jugada".
O popular acusou ao Goberno dunha "profunda deslealtad" con Galicia por non avisar do accidente a tempo e porque a súa actuación "irresponsable" está a prexudicar a todo o sector ante a caída do prezo do peixe. "Su ansia de que haya una tragedia es vergonzosa", dixo.