A variante de Alba, un dos proxectos máis demandados en Pontevedra, suscitou este venres a unanimidade dos grupos políticos do Parlamento galego. Así, a cámara acordou instar á Xunta de Galicia a executar esta estrada para mellorar as comunicacións entre a PO-531 e a N-550 e resolver o grave problema de seguridade viaria no ámbito de San Caetano.
O acordo permite, por unha banda, considerar a inclusión da PO-225 no lugar de San Caetano, na parroquia de Alba, dentro do programa de sendas que se está a desenvolver en estradas de titularidade autonómica.
Como solicitaba o PP nunha proposición non de lei defendida polo deputado Jacobo Moreira, instarase ao goberno galego a que defina unha solución técnica que garanta a seguridade viaria dos peregrinos que seguen o Camiño Portugués por ese tramo da estrada.
"Resultaría conveniente habilitar unha beirarrúa ou calquera outra alternativa técnica que garanta a seguridade dos peregrinos que transitan por esta vía, tanto a pé, como en bicicleta ou cabalo", indicou o deputado popular.
Diante desta situación, Moreira solicitou que a Xunta inclúa este tramo do Camiño Portugués no plan de sendas peonís "de xeito que se poidan cumprir os obxectivos de fomentar a mobilidade alternativa sostible para os veciños e garantir a súa seguridade e a dos peregrinos que transitan pola zona".
A unanimidade foi posible despois de que o BNG introducise unha emenda no sentido de sinalar que a solución máis acaída para todo este ámbito é a construción da denominada Variante de Alba, para o que se lle dará traslado á Xunta desde acordo plenario.