O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres por unanimidade a transferencia á Xunta de Galicia da Finca e o Pazo de Lourizán.
A Corporación provincial, conformada polo Partido Socialista, o Partido Popular e o BNG, ratificaron a declaración de intencións adoptada pola Deputación e a Xunta o pasado 6 de xullo de 2022.
Este voto dos populares chamou a atención do vicepresidente da Deputación, o nacionalista César Mosquera que dixo non entender por que apoia agora o PP a cesión á Xunta do Pazo de Lourizán e, en cambio, opúxose a que o Concello de Pontevedra cedese o convento de Santa Clara á Deputación que "é unha operación parecida".
En todo caso, Mosquera agradeceu esta unanimidade para resolver unha cuestión que "leva 80 anos dando voltas".
O deputado Carlos López Font detallou que agora se abre un prazo para a presentación de alegacións antes da aprobación definitiva do acordo que obriga á administración autonómica a preservar a integridade e manter a afectación dos inmobles da Finca de Lourizán cos seus fins de servizo público, sen prexuízo de desenvolver neles outras actividades complementarias de finalidade pública, entre elas as turísticas, divulgativas ou recreativas.
O incumprimento destas condicións motivaría a reversión automática do inmoble á Deputación.
O Partido Popular non interveu no debate limitándose a apoiar a aprobación do acordo.