Unanimidade en Cerdedo-Cotobade para reparar a memoria de Francisco Varela Garrido, fusilado en 1937

Cerdedo-Cotobade
05 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O asunto levouno á sesión plenaria o alcalde, Jorge Cubela, a petición da familia. O rexedor propuxo cumprir a Lei de Memoria Democrática e dar traslado do acordo aos herdeiros ou familiares. Quedou acreditado que "padeceu persecución por razóns políticas e ideolóxicas durante a Guerra Civil Española"

O pleno de Cerdedo-Cotobade abordou a proposta de recoñecemento e reparo persoal de Francisco Varela Garrido
O pleno de Cerdedo-Cotobade abordou a proposta de recoñecemento e reparo persoal de Francisco Varela Garrido / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Pleno da Corporación de Cerdedo-Cotobade aprobou por unanimidade o recoñecemento e reparo persoal de Francisco Varela Garrido, un veciño de Cerdedo fusilado no ano 1937 tras ser condenado a morte polo Consello de Guerra Permanente de Pontevedra.

O asunto levouno á sesión plenaria o alcalde, Jorge Cubela, a petición da familia. O rexedor propuxo cumprir a Lei de Memoria Democrática e dar traslado do acordo aos herdeiros ou familiares desta vítima do franquismo.

En nome da familia, falou no salón de plenos o xornalista, escritor e familiar de Francisco Varela Garrido Fernando Salgado. Agradeceu este acordo de declaración pública e defendeu a recuperación da memoria das vítimas do franquismo. Pediu reparación moral e un recoñecemento público.

A proposta aprobada recolleu que quedou acreditado que Francisco Varela Garrido "padeceu persecución por razóns políticas e ideolóxicas durante a Guerra Civil Española".

Natural de Cerdedo, de profesión comerciante e militante de Izquierda Republicana, foi secretario interino do antigo Concello de Cerdedo. Foi detido o 2 de setembro de 1936 en Monleras, provincia de Salamanca, a onde fuxira, e logo procesado mediante procedemento sumarísimo de urxencia co número 1.306/36.

Mediante sentencia ditada o 16 de abril de 1937 polo Consello de Guerra Permanente de Pontevedra, foi condenado a pena de morte por suposto delito de rebelión militar, sendo executado na avenida de Bos Aires de Pontevedra o 27 de xullo de 1937.

Á vista da Resolución 3.631 (expediente 23DGMD-476) do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, declarouse "ilegal" e "ilexítimo" o tribunal que o xulgou, e os xurados e todos os órganos penais ou administrativos que se constituíron a partir do Golpe de Estado de 1936 para impoñerlle, por motivos políticos, ideolóxicos ou de conciencia relixiosa condenas ou sancións de carácter persoal, así como a ilexitimidade e nulidade das resolucións.