O pleno da corporación municipal do Concello de Cerdedo-Cotobade aprobou por unanimidade unha declaración oficial de rexeitamento á instalación do Parque Eólico dos Cotos e manifestaron o apoio aos veciños, ás parroquias e ás comunidades de montes afectadas por este proxecto industrial enerxético.
Os membros da corporación aprobaron tamén enviar un escrito á empresa promotora do proxecto eólico para solicitarlle que desista do procedemento e dea por finiquitado o seu interese en instalar este parque eólico.
A sesión plenaria convocada este martes polo alcalde, Jorge Cubela, con carácter monográfico e extraordinario centrouse en valorar o impacto que este proxecto eólico terá para os intereses dos veciños e dos lugares afectados e renovouse o compromiso por parte de todos os partidos políticos que forman parte da corporación municipal de manter a unidade de acción e intensificar a visibilización do rexeitamento social e insitucional a este proxecto eólico.
Os representantes da oposición puxéronse a disposición do alcalde en canto ás mobilizacións e accións que se están liderando desde o Concello a través dos técnicos municipais e da empresa Tysgal, especializada en temas medioambientais, coa "irrenunciable" intención de presentar informes negativos e alegacións en contra da instalación do Parque Eólico dos Cotos.
Pola súa banda, Ernesto Filgueira, portavoz municipal do BNG, pediu unha "aposta clara e decidida por parte do alcalde contra este proxecto depredador" dando orde aos técnicos municipais para que elaboren "informes rigurosos" contra os Cotos.
Lembra o portavoz municipal nacionalista que se trata dun proxecto "rodeado de moita oscuridade e mala fé política por parte da xunta do PP" ao tratarse dun proceso "que se está a tramitar por un procedemento urxente" logo de ser declarado proxecto de interese autonómico en outubro e "sacalo a exposición pública en pleno Nadal a fin de evitar a mobilización da veciñanza".
Apunta Ernesto Filgueira que toda esta premura da Xunta co parque eólico dos Cotos "só se entende ao descubrir que este é un caso grave de portas xiratorias entre a enerxética e o PP, pois quen está detrás da empresa Tiraventos é un vogal do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible vinculado á Consellería de Medio Ambiente da Xunta, entre outros cargos".
Dende a agrupación municipal socialista pediron ao alcalde "que se deixe de entrar en leas cos concellos limítrofes e se centre en facer unha defensa total do noso territorio e no rexeitamento ao Parque Eólico de Os Cotos".
A agrupación socialista tende a man ó concello pero pídelle ao alcalde "que sexa valente, que se deixe de baños de masas e brindis ao sol, e se comprometa a emitir os informes desfavorables elaborados polos técnicos municipais e llos faga chegar á Xunta". "Pedimos tamén que se comprometa a acudir a vía xudicial se fose preciso", engadiron.
Este mércores o PSdeG-PSOE de Cerdedo-Cotobade presentará, ao marxe das alegacións conxuntas firmadas pola corporación municipal, as súas propias alegacións ante o rexistro da Xunta de Galicia.
"Temos constancia de que entre os anos 1996 e 1998 houbo importantes incendios forestais na zona de afectación do parque o que nos da un argumento contundente en contra, xa que baseándonos na Lei 7/2012 de montes de Galicia segundo a cal nos terreos afectados por incendios forestais non se producirá un cambio de uso nos seguintes 30 anos", concluíron.