Unanimidade en Bueu para pedir que o Goberno transfira á Xunta as competencias no dominio público marítimo - terrestre

Pontevedra
05 de xullo 2022

Todos os partidos políticos con representación no Pleno do Concello de Bueu amosaron este luns unha postura unánime nas dúas mocións presentadas polo PP para que se produza unha transferencia da competencia do Goberno central á Xunta de Galicia sobre xestión do dominio público marítimo - terrestre e para ampliar  o prazo sobre a recollida de biorresiduos

Pleno da Corporación de Bueu
Pleno da Corporación de Bueu / Concello de Bueu

Todos os partidos políticos con representación no Pleno do Concello de Bueu amosaron este luns unha postura unánime nas dúas mocións presentadas polo PP para que se produza unha transferencia da competencia do Goberno central á Xunta de Galicia sobre xestión do dominio público marítimo - terrestre e para ampliar o prazo sobre a recollida de biorresiduos.

As dúas mocións debatéronse no Pleno celebrado este luns 4 de xullo e todos os grupos (BNG, ACB, PP e PSOE) votaron a favor.

En canto á transferencia de competencias, o obxectivo é instar ao Goberno central transferirlle "o antes posible" á Xunta de Galicia a xestión de todas as competencias en materia de dominio público marítimo-terrestre e o texto da moción lembra que na franxa do litoral están asentadas preto de 4.000 edificacións de 82 municipios.

O texto aprobado tamén sinala que en Galicia a transferencia da xestión permitiría "rematar cos constantes ataques que está recibindo por parte do goberno central o complexo mar -industria galego".

 Ademais, recorda que esta necesidade susténtase en que a comunidade e os concellos do litoral son os que dispoñen dun maior grao de coñecemento da realidade do litoral galego e do valor que supón o seu patrimonio.

Dende o BNG, o voceiro Xosé Leal, propuxo unha emenda ao texto da moción que foi aceptada e coa que se ampliaría o seu contido, e que solicitaba a convocatoria da comisión mixta de transferencias para abordar máis cuestións pendentes.

En canto á outra moción, insta ao Goberno central a ampliar o prazo fixado na Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos para que os municipios de máis de 5.000 habitantes implanten a recollida separada de biorresiduos segundo o estipulado na directiva europea e na Lei de Residuos de Galicia, que fixan a data límite en decembro de 2023.

A moción do PP esgrime que a decisión do Goberno central o que fai é reducir o prazo para as entidades locais de máis de 5.000 habitantes en 18 meses e darlles só 2 meses tras a entrada en vigor da lei para implantar a recollida separada de biorresiduos, polo que se trata dun período de tempo "inasumible" para a que a maior parte dos concellos poidan implantar a necesaria recollida separada dos biorresiduos para o seu axeitado tratamento.

Xosé Leal amosou o apoio á moción, pois "aínda que continuamos espallando o sistema de compostaxe, a recollida selectiva e as campañas de concienciación, non impide que teñamos que alertar ao goberno central das dificultades dos concellos para cumprir con este prazo".