A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, presidiu este venres no salón de actos do Pazo da Cultura o acto de entrega dos Premios Ernestina Otero Sestelo 2021, que teñen por obxecto galardoar aqueles proxectos educativos desenvolvidos en centros do concello de Pontevedra que destacasen pola incorporación da perspectiva de xénero.
O xurado desta terceira edición do certame acordou conceder por unanimidade o premio na categoría A, correspondente a centros de Educación Infantil e Primaria ao proxecto 'As do noso carón, MULLERES son!' do CEIP San Martiño.
Tal e como subliñou Yoya Blanco na súa intervención, o xurado tivo en conta, entre outras cuestións, "os feitos de poñer en valor ás mulleres que temos preto, aquelas que nos abriron paso e que nos facilitaron o camiño en moitas facetas da vida para poder convivir hoxe nun lugar mellor, e o de dar a coñecer referentes femininos na ciencia e os seus descubrimentos e investigacións".
Fixo entrega do galardón José María Alén de la Torre, inspector de Educación e colaborador no proxecto dos Consellos da Muller Nova. O segundo premio declarouse deserto e adoptouse a decisión de incrementar a contía do primeiro ata os 1.400 euros.
Na categoría B, de Educación Secundaria e Postobrigatoria Non Universitaria (Bacharelato e Formación Profesional), tamén por unanimidade se outorgou o primeiro premio, dotado con 900 euros, ao proxecto 'Igualdade desde a transversalidade', do IES Luis Seoane.
Segundo indicou a concelleira de Igualdade, "por ampliar a difusión dos contidos de igualdade ás aulas, tanto desde as titorías e a orientación como intervindo nos currículos das materias, plantexando proxectos de traballo transversal e multidisciplinar; por crear un banco de recursos que serva de referente para toda a comunidade educativa, e por formar equipos docentes que reflexionen sobre como facer clases desde unha perspectiva coeducativa, prestando especial atención ao traballo das emocións, os afectos e as condutas nas aulas".
Fixo entrega do galardón Manuel Puga Pereira, neto e biógrafo de Ernestina Otero Sestelo e presidente da Fundación Penzol.
Concedeuse o segundo premio, dotado con 500 euros, ao proxecto 'Entre donas ás beiras do Lérez', do IES Sánchez Cantón, pola ampla implicación interdepartamental e transversal en Secundaria e Bacharelato; por facer un estudo integral e multidisciplinar da muller partindo da contorna inmediata do alumnado para chegar a un ámbito internacional; por revisar o pasado dende un punto de vista feminista e igualitario; por integrar os contidos curriculares en proxectos colaborativos, e pola divulgación pública na web mediante as canles de Telegram, Youtube, Instagram e Facebook e mediante un curso virtual.
Entregou o premio Manuela Vilaboy Romero, xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
O xurado quixo facer unha mención especial ao CPR Plurilingüe Nuestra Sra. de los Dolores, pola creatividade e alto impacto a nivel visual das actividades presentadas. Asemade, tamén fixo constar expresamente o seu recoñecemento e agradecemento a todos os centros participantes nesta convocatoria.
O acto de entrega dos Premios Ernestina Otero pechouse cunha actuación da narradora oral e contadora de contos e historias Vero Rilo.