Unanimidade en Campo Lameiro para bautizar unha rúa co nome do seu ex alcalde Julio Sayáns

Campo Lameiro
12 de marzo 2025
Actualizado: 12:59

O pleno municipal de Campo Lameiro aprobou homenaxear a Julio Sayáns, recentemente falecido, poñendo o seu nome á estrada a Codeseda, a rúa que vai desde o colexio até o Concello

Julio Sayáns, na súa etapa de alcalde de Campo Lameiro
Julio Sayáns, na súa etapa de alcalde de Campo Lameiro / Mónica Patxot

Julio Sayáns terá unha rúa co seu nome en Campo Lameiro.

Así o aprobou por unanimidade o pleno da corporación municipal, decidindo desta forma homenaxear o que foi o seu alcalde e que faleceu o pasado mes de setembro.

En concreto o viario escollido é a coñecido como estrada a Codeseda, rúa que vai desde o colexio Pedro Antonio Cerviño até o Concello.

"Era un traxecto que facía de xeito habitual todos os días e representan os vértices da súa dedicación e vocación de servizo público en Campo Lameiro, por unha banda como director do colexio e como mestre de varias xeracións de cativos, e outra na súa faceta como alcalde do noso concello durante 36 anos", xustificou o actual rexedor, Carlos Costa.

"Tamén a percorría cando ía á súa querida Armonda, 3 ou 4 veces por semana", lembra o alcalde.

Cabe lembrar que Julio Sayáns foi alcalde de Campo Lameiro desde 1983 até o ano 2019, encadeando nove mandatos.

Costa defendeu ademais que baixo o seu mando o municipio experimentou unha evolución positiva en relación ao aumento de servizos e infraestruturas

No mesmo pleno municipal a corporación local aprobou conceder axudas á natalidade e ao empadroamento.