Unai Sordo reclama ao Goberno "que se moje" e deixe de "ponerse de perfil" con ENCE

Pontevedra
30 de novembro 2022

Os traballadores da fábrica que Ence ten en Pontevedra recibiron este mércores o apoio "incondicional" da cúpula nacional de Comisións Obreiras. Foi coa visita á factoría de Lourizán do secretario xeral confederal do sindicato, Unai Sordo

Visita de Unai Sordo, secretario xeral de CC.OO, á fábrica de Ence
Visita de Unai Sordo, secretario xeral de CC.OO, á fábrica de Ence / EFE / Salvador Sas

Os traballadores da fábrica que Ence ten en Pontevedra recibiron este mércores o apoio "incondicional" da cúpula nacional de Comisións Obreiras. Foi coa visita á factoría de Lourizán do secretario xeral confederal do sindicato, Unai Sordo.

Acompañado das máximas responsables de CC.OO en Galicia e Pontevedra, Amelia Pérez e Pilar Mosquera, respectivamente, Sordo quixo trasladar coa súa presenza "nuestra solidaridad y empatía" cos traballadores ante a situación actual deste complexo industrial.

Recoñece que "hay poco margen para actuar" ao estar pendente dun proceso xudicial e, en concreto, da decisión do Tribunal Supremo sobre a legalidade da prórroga da concesión que lle permitía ocupar terreos de Costas ata 2073.

Pero, a pesar da "incertidumbre abierta" por esta disputa nos tribunais, o líder de Comisións Obreiras reiterou o seu apoio a que Ence poida continuar coa súa actividade industrial en Pontevedra, como reclaman os seus traballadores e a propia empresa.

A este respecto, Unai Sordo apuntou que "en esta vida hay que mojarse" aínda que haxa temas nos que os gobernos "se excusen y se pongan de perfil" porque abordan cuestións que xeran "reacciones contradictorias" e nas que existen "muchas variables".

"En estas situaciones nosotros nos mojamos y todas las instituciones tienen que hacer lo propio", subliñou Sordo, que defende facer "compatible" o cumprimento das normativas ambientais e dos límites de emisións coa actividade produtiva e a creación de emprego.

Tras atender aos medios de comunicación, Unai Sordo fixo un percorrido polas instalacións da fábrica pontevedresa, acompañado por directivos da propia compañía, e a continuación mantivo un encontro de traballo cos comités de empresa da fábrica e das súas oficinas.

Sobre o seu futuro, a presidenta do comité de empresa das oficinas de Ence, Ana Cedeira, foi clara. "Se hai unha sentenza favorable quedamos, se hai unha sentenza desfavorable a empresa pecha. Vai facer e díxoo ata a saciedade", subliñou.

"Non hai opción ao traslado", asegurou Cedeira, que lamentou que chegado ese caso "cinco mil traballadores e as súas familias van ir á rúa".

Ante esta situación, a representante dos traballadores censurou que as institucións con competencias neste asunto "seguen mareando a perdiz" cun suposto traslado "que a empresa xa dixo que non é posible".