Un xuízo marcado pola "sede de vinganza" entre dúas familias

Pontevedra
17 de febreiro 2016

A Sociedade Xitana Española pediu perdón ao xurado popular, o tribunal e todas as persoas persoas que estaban na sala cando se produciu o tumulto este mércores, pero quixo xustificar a reacción da persoa que en primeiro lugar abalanzouse sobre Cortiñas asegurando que "non puido conter a indignación e coraxe" ao escoitar "as mentiras e barbaridades que declaraba o asasino de 'Lupe'

Familiares de 'Lupe' no xuízo contra José Luis Cortiñas
Familiares de 'Lupe' no xuízo contra José Luis Cortiñas / Mónica Patxot
Víctor Bouzas: "Desde el punto de vista jurídico es absolutamente inaceptable" /

O martes, na primeira sesión do xuízo contra José Luis Cortiñas polo asasinato machista da súa esposa, María Luisa Jiménez, Lupe, houbo insultos e ameazas. Este mércores, na segunda, a intimidación tomou forma e converteuse en agresión. Na sala de vistas vivíronse momentos de tensión, con tres familiares da falecida saltando literalmente media sala para botarse encima do acusado e outros 30 na sala xerando algarabía e en actitude igualmente violenta cara ao mesmo. A pesar de todo, a Sociedade Xitana Española, tentou buscarlle explicacións, "rogando" que se comprenda a "indignación e a dor" que sofre a familia

Fíxoo a través dun comunicado asinado polo presidente da Federación Nacional de Organizacións da Sociedade Xitana Española, Sinaí Giménez Jiménez, tamén coñecido como o Príncipe dos Xitanos de Galicia e que na primeira xornada do xuízo estivo presente na sala de vistas e deu indicacións a todos os familiares de como podían ou non comportarse. Este mércores, con todo, non acudiu nin estaba na sala cando se produciu o tumulto, aínda que hai quen lembra que habitualmente entre as familias xitanas ninguén actúa nun acto público sen consultalo antes con el. 

Como portavoz do colectivo, expresou o seu "malestar" e pediu perdón ao xurado popular, ao tribunal e todas as persoas persoas que estaban na sala e quixo xustificar a reacción da persoa que en primeiro lugar saltouse o cordón policial e abalanzouse sobre Cortiñas ao berro de "Suso", o seu alcume, asegurando que "non puido conter a indignación e coraxe" ao escoitar "as mentiras e barbaridades que declaraba o asasino de 'Lupe". Con todo, no momento en que se produciu o altercado, o acusado non estaba a falar e, de feito, na sesión deste mércores non declarou, tan só pasaron pola sala de vistas testemuñas, gardas civís e peritos. 

Sinaí Giménez pide comprensión, pero, ao mesmo tempo, fala da "sede de vinganza" que está como pano de fondo en todo este suceso. As ganas de vingarse do acusado xa fixo temer á Sociedade Xitana de Galicia en febreiro de 2014, cando se produciu o crime, que algún familiar da falecida tomase a xustiza pola súa man e atacase a algún familiar do acusado, de modo que se produciu un desterro masivo de todos os que levaban o apelido Cortiñas cara a Castela e León. Este mércores, o seu portavoz recoñeceu que "case lles levan a cumprir a sede de vinganza" co seu acto no interior da Audiencia

Destacou a pronta intervención das Forzas de Seguridade que disolveron o tumulto desaloxando a sala, pero sobre todo a "colaboración de dous patriarcas anciáns" que se atopaban dentro da sala e "permitiron evitar que dita sede de vinganza levase a cabo". En resposta ás críticas polas ordes de desterro e os intentos de aplicar unha xustiza xitana paralela á que se imparte nos tribunais de Xustiza, o portavoz do colectivo insiste en que os Consellos de Anciáns son "auténticos promotores da paz" e coas súas "ordes de afastamento voluntarias" conseguen "evitar guerras entre familias xitanas"  e evítanlle "un gran traballo ás administracións, os xulgados e as Forzas e Corpos de Seguridade "sen cobrar un só euro".

Tras o incidente, o avogado da familia de 'Lupe', Víctor Bouzas, tamén se referiu ao mesmo como un feito desde o punto de vista juridico "absolutamente inaceptable", pero desde o punto de vista familiar, "recriminable, pero comprensible". Confía en que o incidente non afecte o proceso xudicial en marcha, pois non influíu en ningunha proba, documento ou pericial e, ademais, os feitos "no influyen ni vician para nada el trabajo del jurado".