Un veciño pide a retirada do sistema para dar badaladas da igrexa de Verducido, instalado por consenso veciñal hai 35 anos

Pontevedra
06 de maio 2019

O denunciante sostén que as badaladas electrónicas soan cada media hora entre as sete da mañá e as once da noite a un volume moi alto que perturba o descanso e a convivencia. Denunciou os feitos ante a Consellería de Cultura e pedirá ao Concello que analice se cumpre a normativa 

Campanario da igrexa de Verducido
Campanario da igrexa de Verducido

Un veciño da parroquia pontevedresa de Verducido denunciou ante o Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo e ante a Archidiócese de Santiago de Compostela o sistema instalado na igrexa da parroquia para dar os avisos das badaladas, integrado por dúas illas de altofalantes instaladas no campanario do templo e nun poste á entrada do cemiterio. Trátase dun sistema xestionado desde a casa de cultura e, segundo a comunidade de montes, funciona en resposta a un acordo adoptado por consenso pola veciñanza de Verducido hai 35 anos. 

O veciño denunciante, que leva vivindo en Verducido desde o ano 2013, acudiu hai semanas á comunidade de montes e veciños da parroquia para preguntar de quen dependía o sistema en cuestión e manifestar as súas queixas polo seu funcionamento, pois sostén que as badaladas electrónicas soan cada media hora entre as sete da mañá e as once da noite e, ademais, a un volume moi alto que perturba o descanso e a convivencia. 

En canto á denuncia ante a Consellería de Cultura, pide que lle certifiquen se existe algunha autorización para instalar os altofalantes no campanario da igrexa, un ben patrimonial de protección integral catalogado polo acordo do Concello de Pontevedra por acordo en 1994. Ademais, reclama a retirada dos mesmos e a restitución da estética orixinal do edificio. 

Os comuneiros abordaron a cuestión na súa última reunión e puxeron os feitos en mans dun avogado, pero, de momento, non adoptaron ningunha decisión, á espera de ver como evoluciona a situación. A preguntas de PontevedraViva, un dos representantes veciñais, Marcos Rey, sí que quixo insistir que é a comunidade de montes e veciños a que xestiona o sistema, pero que o fai sempre seguindo o mandato veciñal

Segundo este portavoz veciñal, ata agora, nos 35 anos que leva funcionando, ningún veciño presentara ningunha queixa. Ademais, hai moitos que demandan o sistema, que se pode escoitar en todo o núcleo de poboación que rodea a igrexa, pois é un bo sistema de avisos e para saber a hora. En todo caso, como mostra de boa vontade, si que baixaron lixeiramente o volume dos altofalantes

O denunciante fíxolles chegar varios escritos nos que sostén que este sistema estaría incumprindo a Ordenanza Municipal de protección do Medio Ambiente contra a Contaminación Acústica, do 18 de maio do 2000 en aspectos como o seu horario de funcionamento entre as 7.00 e as 23.00 horas, pois, segundo esta norma, enténdese por horario de día o período entre as 8.00 e as 22.00 horas, o que significa que de 7.00 a 8.00 pola mañá e de 22.00 a 23.00 pola noite emitie ruído en horario nocturno

Segundo denuncia o veciño en cuestión, as sinais horarias están precedidos por unha melodía que se repite cada media hora e nas horas en punto acompañase o final das sinales con cancións como Negra Sombra ou panxoliñas que empezan no Nadal e non rematan ata febreiro.

Ademais, sostén que provoca danos en varios aspectos como, por exemplo, que determinados días, en función da dirección do vento, é imposible manter unha conversa a máis de medio metro de distancia. Esta circunstancia négana desde a comunidade de montes. 

Ademais, segundo o denunciante, o son emitido é "chirriante" e de escasa calidade, polo que se produce unha distorsión sonora insoportable e tamén prexudica os animais domésticos, que se alertan de xeito inmediato ás sete da mañá.

Por estes e outros danos, pedirá ao Concello de Pontevedra que inspeccione o sistema de megafonía para determinar se a instalación ten permiso municipal e se cumpre esta ordenanza municipal e a outras normativa sobre emisións acústicas.