Alejandro Cortegoso Sobral, veciño de Marín, iniciou unha campaña de recollida de fondos na plataforma GoFundMe para sufragar o tratamento de quimioterapia que necesita o seu can Mika, un pinscher de 9 anos de idade que padece un Linfoma tipo B.
Cortegoso explica que a súa mascota necesita este tratamento para poder controlar a enfermidade e mellorar a súa calidade de vida, "tamén pode axudar a reducir o tamaño deste tumor e aliviar algún dos síntomas".
Este tratamento consiste en 16 sesións de quimioterapia, segundo o que o oncólogo lle explicou a Alejandro. "Como imaxinaredes, o custo é elevado xa que os cans non contan cunha sanidade pública e os donos deben custear todos os tratamentos", manifesta o autor da iniciativa.
O custo do tratamento é de 2.762 euros. Isto durará unhas 20-25 semanas, en función de como reaccione o can. O tratamento son 16 pero teñen que deixar algunha semana de descanso.
Alejandro Cortegoso comprométese a ir informando de todo o proceso e da evolución de Mika. Tamén asegura que subirá foto de todos os recibos así como de todos os datos médicos "para que quede constancia da realidade do asunto".