Un veciño de Armenteira, trasladado ao hospital como consecuencia dun incendio na súa vivenda

O Salnés
03 de decembro 2022

O afectado é unha persoa dependente e os servizos de emerxencia tiveron constancia do que sucedía porque sobre as 05:30 horas un servizo de atención a persoas dependentes chamou ao 112 Galicia indicando que non eran capaces de contactar con el. As lapas comezaron na cociña da vivenda e o fume acabou afectando ás demais estancias

Patrulla da Garda Civil na casa afectada polo incendio
Patrulla da Garda Civil na casa afectada polo incendio

Un veciño da parroquia da Armenteira, en Meis, tivo que ser evacuado ao Hospital Montecelo na madrugada deste sábado tras declararse un incendio no seu domicilio.

O afectado é unha persoa dependente e os servizos de emerxencia tiveron constancia do que sucedía porque sobre as 05:30 horas un servizo de atención a persoas dependentes chamou ao 112 Galicia indicando que non eran capaces de contactar cun usuario do lugar de Gondes.

Despois de intentar comunicarse con el sen éxito, alertaron ao 112 pedindo que algún equipo de emerxencia puidese comprobar o estado da persoa en cuestión.

De inmediato, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento dos axentes da Garda Civil, que acudiron á vivenda e constataron a presenza de fume no interior da mesma.

O 112 pasou aviso decontado ao equipo de urxencias médicas e aos Bombeiros de Ribadumia.

Segundo a información facilitada polos Bombeiros de Ribadumia ao 112 Galicia, as lapas comezaron na cociña da vivenda e o fume acabou afectando ás demais estancias.

Foi necesaria a intervención dos efectivos do Servizo de Extinción Prevención de Incendios e Salvamento para abrir a porta do inmoble e, así, facilitar a atención do afectado por parte do equipo médico.

O varón precisou ser estabilizado no domicilio antes de ser evacuado ao Hospital Montecelo para continuar co tratamento necesario.