Un total de 31 escolares de Sanxenxo participarán na comitiva da Cabalgata de Reis

Sanxenxo
12 de decembro 2023

Os departamentos de Educación e Cultura realizaron un sorteo entre o alumnado de Primaria dos colexios do municipio

Belén da oficina de Turismo de Sanxenxo
Belén da oficina de Turismo de Sanxenxo

En total, por motivos de seguridade, serán 31 nenos de entre 6 e 12 anos, os que viaxarán a bordo do Tren Mago acompañando a Melchor Gaspar e Baltasar que se desprazarán en coches antigos convertibles o próximo 5 de xaneiro.

Os departamentos de Cultura e Educación, dirixidos por Elena Torres e Nati Parada, en colaboración con persoal municipal de Animación Sociocultural, realizaron un sorteo entre o alumnado de Primaria dos colexios do municipio. 

Os centros educativos colaboraron, ademais, na decoración que este ano se realizou nas cristaleiras do Pazo de Emilia Pardo Bazán con debuxos en distintas figuras que previamente repartiu o Concello polos colexios: estrelas, gorros de Papa Noel, bólas de árbore de Nadal… Tamén os alumnos e alumnas do Centro de Artes colaboraron coa decoración do Pazo coa colocación de bólas colgantes confeccionadas durante as clases.

BELÉN CON SELO PROPIO

Por primeira vez, a entrada da oficina de Turismo de Sanxenxo conta cun bonito belén do Nadal cedido por unha veciña de Dorrón, Belén Freijeiro. O Nacemento que pode contemplarse en horario de apertura da oficina conta con estruturas de madeira feitas artesanalmente e mesmo coa ermida da Lanzada. 

"Es un Belén diferente, al estilo gallego, y con guiños a Sanxenxo", explica Freijeiro. Neste Belén o río desemboca no mar onde se pode contemplar un faro e embarcacións nunha típica estampa galega. Hai un muíño de vento e ata un castelo, con espazos coidados ata o máis mínimo detalle.