Un total de 21 empresas visitan as instalacións municipais con motivo da licitación do novo contrato da auga

Sanxenxo
13 de xullo 2022

As empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 1 de agosto. O municipio ten un total de 16.900 vivendas das que 726 (4,3%) carecen de saneamento ou auga, polo que o goberno vai licitar mediante un concurso público a concesión deste servizo por 25 anos a unha empresa que terá que asumir a realización de 80 actuacións valoradas en 11.963.798 euros.

Visita das empresas ás instalacións municipais
Visita das empresas ás instalacións municipais / Concello de Sanxenxo

Un total de 21 empresas e 38 técnicos acudiron á visita convocada polo Concello de Sanxenxo ás instalacións de saneamento, abastecemento e depuración municipais no marco da licitación do contrato da auga. Para maior comodidade nos desprazamentos, o Concello de Sanxenxo puxo a disposición un autobús e percorréronse as seguintes instalacións por consideralas de especial interese: EDAR de Paxariñas, EBAR de Montalvo, EBAR do Espiñeiro, EBAR do porto de Sanxenxo, EBAP de Raxó, depósito de Dorrón II, depósito de Padriñán e depósito do Revel.

As empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 1 de agosto. O municipio ten un total de 16.900 vivendas das que 726 (4,3%) carecen de saneamento ou auga, polo que o goberno vai licitar mediante un concurso público a concesión deste servizo por 25 anos a unha empresa que terá que asumir a realización de 80 actuacións valoradas en 11.963.798 euros.

O prego do contrato inclúe a ampliación da rede de saneamento e auga, con 59 actuacións para dotar destes servizos ás 726 vivendas do rural que carecen de saneamento ou auga; unha segunda que contempla a renovación da rede principal existente con 14 actuacións para substituír tramos vellos e ampliar a capacidade das tubaxes; e unha terceira con novas infraestruturas de abastecemento de auga con 7 actuacións entre as que destaca a construción dun novo depósito de auga.

A empresa concesionaria terá que completar as 3 fases nos 36 primeiros meses desde o inicio da concesión. A prioritaria é a fase de ampliación da rede de saneamento e auga do rural, por iso o calendario contempla 29 actuacións nos 6 primeiros meses de 2023 e os 30 tramos restantes da primeira fase no segundo semestre do ano. As obras que se executarán neste primeiro semestre serán prioritarias nas vivendas da zona e as principais antes que as segundas residencias.

Os lugares nos que actuarán no primeiros seis meses será en Noalla (Tombelo, Pontes, Quintans, Aios costeira), Vilalonga (Iglesario, Altamira e Iglesario Lomba), Adina (Poleiros, Rial e Punta Montalvo), Dorrón (Barreiro, Rexenxo e praia de Agra), Nantes (Cancela Pedroño, Pazos e Casal), Bordóns (Chandevila e Sear) e Padriñán (Palacios e Laxe).