O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, informou que un total de 20 concellos sumáronse ao Plan Compost "Revitaliza", cuxo prazo de inscrición acaba de pecharse o pasado luns día 1 de febreiro.
Trátase dos concellos de Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Gondomar, Illa de Arousa, Moaña, Nigrán, O Grove, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía.
Mosquera compareceu ante a prensa despois de presidir a xunta de goberno provincial para dar conta deste asunto tratado fóra da orde do día, e valorar como "sumamente positivo" o interese suscitado entre os concellos, algún dos cales solicitou unha nova ampliación do prazo para que as entidades locais da provincia presenten as as súas solicitudes de centros de compostaxe comunitaria.
O número de inscricións rexistradas dá unha ampla marxe para "poñerse a traballar e avanzar nesta dirección", segundo dixo Mosquera que tamén destacou a diversidade de goberno locais á fronte destes municipios o que ao seu xuízo demostra que a compostaxe "non depende de cores políticas, xa que hai de todos os signos".
Segundo subliñou, este interese constata que os concellos se implican na posta en marcha da compostaxe comunitaria como solución aos problemas económicos e ecolóxicos que presenta a actual xestión do lixo.
AFORRO
O vicepresidente reiterou en numerosas ocasións que o tratamento dos residuos de cociña e vexetais dos lugares nos que se instalen os composteiros farase 'in situ', polo que se reducirá nun 40% a cantidade de lixo que se traslada a Sogama desde ese ámbito. Iso supón un aforro por aplicar un sistema de tratamento máis barato e por eliminar os custos de recollida e traslado.
É estes momentos moitos concellos xa se atopan na fase de concienciación e implicación da cidadanía no proxecto, con reunións informativas constantes, algo "totalmente imprescindible".
SELECCIÓN DE PROPOSTAS
Mosquera lembrou que nas bases de selección das propostas municipais o que máis primará será o compromiso dos veciños e comerciantes da zona para achegar os restos de comida e vexetais (o que se denomina fracción orgánica do lixo) nos composteiros comunitarios situados máis preto dos seus domicilios.
Outros dos criterios que darán puntuación para os proxectos dos concellos serán que estes acheguen o material estruturante (restos de podas, clareos, limpezas de montes ou leiras) para a mestura coa fracción orgánica do lixo.
Se todas as propostas cumpren, "veremos se se volve a abrir outro prazo de inscrición", como pediron algúns concellos.