Un total de 107 familias en situación de risco de exclusión foron atendidas polos Servizos Sociais de Poio

Poio
23 de xaneiro 2022

O departamento de Servizos Sociais do Concello de Poio pechou o exercicio de 2021 cun investimento de preto de 90.000 euros para o Fondo de Emerxencia Social

Unha persoa nunha cadeira de rodas
Unha persoa nunha cadeira de rodas / Xunta de Galicia

O departamento de Servizos Sociais do Concello de Poio pechou o exercicio de 2021 cun investimento de preto de 90.000 euros para o Fondo de Emerxencia Social. Tal e como lembra a concelleira responsable desta área, a socialista Rosa Fernández, é a través desta liña coa que se lle presta auxilio e axudas básicas a aquelas familias que non contan con recursos económicos, atopándose en risco de exclusión.

Este investimento supuxo un incremento de preto do 30% con respecto á partida de 2020, que se pechou en algo máis de 65.000 euros. "No Orzamento de 2021 contemplábase unha partida inicial para este tipo de axudas de 32.000 euros, pero fomos incrementándoo co paso dos meses, para poder dar resposta ás necesidades das familias que así o precisan", indica Fernández González, que lembra que Servizos Sociais tamén xestiona unha axuda da Deputación de Pontevedra de máis de 8.000 euros para cubrir necesidades básicas.

Rosa Fernández sinala que unha parte importante destes fondos utilizáronse para o pago de alugamentos de vivendas (máis de 63.000 euros). A isto hai que sumarlle a adquisición de produtos de primeira necesidade, así como medicinas ou elementos farmacéuticos. 

En total, só a través do Fondo de Emerxencia Social prestouse servizo a un total de 107 familias ao longo de todo o 2021. 

De cara a 2022, a concelleira de Servizos Sociais lembra que no Orzamento aprobado inicialmente en decembro contémplase unha partida que aumenta en practicamente 20.000 euros con respecto a anos anteriores. "En caso de que non resulte suficiente, volveremos a incrementala ao longo do ano, tendo en conta en todo momento as necesidades destas unidades de convivencia. Ningunha familia que cumpra co que establecen os informes das técnicas quedará sen axuda", garante Rosa Fernández.

"INVESTIMENTO HISTÓRICO"

Máis alá do Fondo de Emerxencia, non hai que esquecer que a área de Servizos Sociais contará en 2022 cun "investimento histórico", que ascende a un total de 1,3 millóns de euros, o que se traduce no 10% do Orzamento municipal, que neste exercicio tamén acada o seu máximo teito de sempre, rozando os 13,5 millóns de euros. O incremento para este departamento con respecto a 2021 é duns 150.000 euros aproximadamente.

A este respecto, Rosa Fernández lembra que, á marxe das axudas que se tramitan desde o Fondo de Emerxencia, desde Servizos Sociais tamén se coordinan outras prestacións como é o caso do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou programas para persoas maiores como Saudemente, entre outras moitas iniciativas. "En total, prestamos servizo a preto de 500 persoas, a través de diferentes liñas", conclúe a socialista Rosa Fernández.