Un timador estafa seis persoas na comarca coa "necesidade de diñeiro cambiado"

Marín
07 de decembro 2017

O ámbito de actuación eran as paradas de autobús onde abordaba ás vítimas e ofrecíase a trasladalas ao seu domicilio. Todas as vítimas, persoas de idade avanzada, destacaron as habilidades e artimañas do detido coas que logrou gañarse a súa confianza

Cartos das estafas
Cartos das estafas / Policía Nacional

Axentes da Policía Xudicial da Policía Nacional pertencentes á Comisaría Local de Marín detiveron a un individuo de 60 anos de idade, pola comisión de seis estafas. Este home é veciño de Ourense con múltiples antecedentes policiais, algúns por feitos similares.

Segundo informaron fontes oficiais da comisaría provincial, os feitos remóntanse ao día 8 de novembro cando se presentaba unha denuncia na comisaría de Marín na que un home declaraba ser vítima dunha estafa. Ao parecer cando se atopaba nunha parada de autobús de Pontevedra un coche detívose ao seu lado e o condutor convidoulle a subir e achegalo á localidade de Marín.

Durante o traxecto o condutor contoulle que era propietario dunhas gasolineiras e que necesitaba cambio de diñeiro urxentemente. Ao chegar a Marín convidoulle a café e seguiron charlando reiterándolle novamente que tiña problemas de cambio de diñeiro para levar ás súas gasolineiras.

Tras gañarse a confianza do denunciante este fíxolle entrega de 500 euros en billetes de diferente valor que levaba nese momento encima e continuaron o percorrido ata chegar á localidade de Seixo onde lle insistiu para que retirase 500 euros dunha sucursal bancaria da estrada principal. Tras retirar a devandita cantidade fraccionada o condutor díxolle que cando chegasen á oficina que tiñan en Marín devolveríalle os 1.000 euros que lle acababa de prestar.

Unha vez en Marín pediulle que se apeara á beira da igrexa e que esperara alí que el ía buscar o diñeiro e que volvería enseguida. Transcorridos 10 minutos o denunciante empezou a sospeitar que fora vítima dun timo polo que se dirixiu a dependencias policiais para presentar a correspondente denuncia.

Utilizando o mesmo "modus operandi" con poucas variacións hai ata seis denuncias por estafa

O día 14 de novembro presentouse na comisaría de Marín outra denuncia nos mesmos termos, a vítima novamente atopábase esperando o autobús e un individuo nun coche ofreceuse a levalo e solicitoulle cambio de diñeiro neste caso para abonarlle a uns obreiros que supostamente lle estarían facendo unhas obras en casa.

Esta segunda vítima retirou da sucursal bancaria nun primeiro momento 400 euros e ante a insistencia do condutor do vehículo outros 750 euros e por último 3.000 euros noutra sucursal diferente, un total de 4.150 euros. Neste caso díxolle á vítima que fora a pedir o xustificante da retirada do diñeiro momento que aproveitou para irse do lugar e deixalo alí.

Utilizando o mesmo "modus operandi" con poucas variacións hai ata seis denuncias por estafa. A clave está na facilidade de palabra do individuo e a capacidade para gañarse a confianza das vítimas con artimañas e gran habilidade.

O perfil das vítimas, persoas de idade avanzada ás que aborda en paradas de autobús coa escusa de levalas amablemente ao seu domicilio. Gáñase a confianza das vítimas facéndolles crer que ten gran poder adquisitivo e afirmar ser propietario de locais de hostalería, gasolineiras, empresas etc., e que necesita cambio en efectivo xa que as entidades bancarias non llo facilitan se non o solicita con antelación.

O perfil das vítimas, persoas de idade avanzada ás que aborda en paradas de autobús

O día 1 de decembro presentaba denuncia en Comisaría a última vítima, ata agora, unha muller que se atopaba esperando o autobús na localidade de Combarro e que tamén foi convidada a subir a vehículo por este individuo, que neste caso presentouse como empresario hostaleiro.

Tras gañarse a súa confianza e queixarse de que as entidades bancarias non lle facilitaban cambio pediulle á muller que retirase a cantidade de seis mil euros en billetes de 50, ao que accedeu en dúas sucursais diferentes. Nunha retirou 3.000 euros e na outra os 3.000 restantes en billetes de 20 euros. O individuo pediulle á vítima que esperase á beira doutro coche que afirmaba ser seu tamén mentres aparcaba o que conducía nese momento.

Cando a muller achegouse ao citado vehículo o individuo fuxiu do lugar decatándose a denunciante que acababa de ser vítima dunha estafa. Esta muller púxose inmediatamente en contacto coa Policía Nacional.

Os axentes policiais iniciaron un dispositivo de vixilancia sobre as paradas de autobús frecuentadas por este individuo e tras numerosas pescudas lograron localizar o vehículo nunha das localidades próximas a Marín o día 1 de decembro.

Unha vez interceptado o vehículo os axentes identificaron e detiveron a este individuo imputándolle ata agora a comisión de seis estafas.

No momento da detención e tras levar a cabo un cacheo de seguridade os axentes interviñéronlle un total de 5.100 euros en billetes de 20, 50 e 10 e un xustificante de ingreso na súa conta de 1.000 euros, o que fai un total dos 6.000 euros que acababa de estafar á última denunciante de Poio.