O Museo de Pontevedra decidiu ceder o coñecido como Tesouro de Caldas de Reis, de maneira temporal, ao Museo Arqueolóxico Nacional para a exposición conmemorativa que prepara polo seu 150 aniversario.
As pezas, de gran valor histórico, saíron este mércores da área de seguridade do Sexto Edificio para incorporarse á exposición que leva por título 'O poder do pasado', e que permanecerá aberta no Museo Arqueolóxico Nacional entre o 3 de outubro de 2017 e o 1 de abril de 2018.
"É un dos grandes conxuntos de ourivaría prehistórica de todo o oeste europeo", recoñece o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle.
Pola súa banda para o deputado de Cultura, Xosé Leal, "a selección destas pezas dá fe, unha vez máis, do excelente legado que custodia o Museo".
Do Tesouro de Caldas consérvase un peite, tres vasos -dous con decoración xeométrica incisa-, vinte e oito argolas-lingote macizas, tres lingotes-barra e seis fragmentos dunha lámina de tiras. De todas esas pezas só nove foron enviadas ao Museo Arqueolóxico Nacional, as máis significativas do conxunto tras ser seleccionadas polo arqueólogo da institución provincial, Antonio de la Peña.