Embuchados con castañas de Casa da Avoa, croquetas gourmet de CroketasD', conservas de caracois, polvo, chipiróns ou patés de Mareterra Deluque, queixos galegos cargados de innovación Brigantia, waffles gourmet Pennywaffle ou bebida isotónica 100% natural, sen aditivos nin azucre baseada en auga do mar da Costa da Morte Refix. Son unha parte moi pequena das liñas de produto gourmet que se poden coñecer desde este sábado na feira Etiqueta Negra, pero unha mostra o suficientemente representativa da boa saúde da gastronomía galega e dos seus produtores.
Os cidadáns poden coñecer estes produtos e moitos máis, ata un total de 70, no recinto feiral de Pontevedra ata este luns 30 de outubro e comprobar en primeira persoa que Etiqueta Negra xa se converteu en tan só dúas edicións nun evento gastronómico de referencia e, ao mesmo tempo, que as tendencias do mercado non teñen límite cando se fala de produto gourmet e delicatessen galegos.
Os produtos e marcas arriba mencionados foron escollidos ao azar entre o total de expositores que se pode consultar na páxina web oficial da feira como un exemplo de ideas novidosas, pero quen estea interesado en coñecelos todos pode facelo ininterrompidamente entre as 11.00 e as 20.30 horas deste domingo e este luns. A xornada do luns, cabe lembrar, está máis centrada no público profesional.
Como dato, cabe reseñar que a organización da feira primou a singularidade, a orixinalidade e a calidade das referencias co obxectivo de garantir ao máximo a excelencia dos produtos e o prestixio das firmas expositoras. Ademais, para quen xa tivo a oportunidade de acudir en 2016 á primeira edición, tamén cabe reseñar que hai referencias novas como o foie, porco celta, galiña de Mós, conservas ou tés. Non faltan as marmeladas, cervexas, viños, queixos, cafés, licores, sidras, galletas, patés, carnes, salsas e aderezos, tortas ou doces.
O evento, organizado polo Concello de Pontevedra, non só ten expositores para visitar, senón que o público que se achegou este sábado ao recinto feiral xa puido participar en cursos, charlas, presentacións de empresas, de produtos e de novas liñas gourmet, degustacións, demostracións, exhibicións, catas comentadas e outras moitas actividades que continuarán este domingo e luns segundo o programa que se pode consultar aquí.
Este sábado, unha das actividades estrela foi showcooking 'Cociñando o mar' do prestixioso cociñeiro con estrela Michelin Yayo Daporta. Este domingo collerá o relevo ás 19.00 horas o tamén estrela Michelín Luís Veira coa súa demostración 'Árbore da Veira, a adolescencia dun soño'. Acompañado de Iria Espinosa, a xefa de cociña, repasará pratos emblemáticos do seu restaurante, presentará os snack que está ofrecendo nesta nova temporada e dará algunas pistas sobre o futuro.
PROGRAMACIÓN DO DOMINGO
A segunda xornada da feira comeza este domingo ás 12.00 horas cun obradoiro na Tetería instalada pola Deputación de Pontevedra. A sumiller de té Laura Rodríguez Rey dará a coñecer os diferentes tipos de té creados na estación fitopatolóxica de Areeiro, a súa orixe, propiedades e a forma correcta de preparalo. Pola tarde, ás 18.00 horas, repetirá a actividade, para a que hai 20 prazas dispoñibles en cada sesión.
A partir das 13.00 horas entrará en escena Gerson Iglesias, chef e propietario do espazo gastronómico Ruxe Ruxe, cunha demostración en directo da súa cociña na que poñerá en valor pequenos tesouros do vacún. No seu showcooking empregará carne de becerros de raza limiá da Ganadería Balín.
O chef Rubén González, de El Cafetín de La Alameda, tamén protagonizará un showcooking, no seu caso, para elaborar diversas tapas creativas, entre elas Jack o Lagostino 'Imos por partes', recoñecida co Premio Tapa Pontevedra en Pontedetapas 2016.
No Espazo Etiqueta, desenvolveranse presentacións de produtos como a bebida isotónica Refix (ás 13:00 horas); o vermú, o mencía e a cervexa tostada de Pepa a Loba (13:45 horas); a cervexa de Mirabel 'Alén do Val' Bio (18:00 horas) ou as ostras para gratinar de Yatecomeré (18:30 horas). E
A Zona de Catas acollerá a degustación das infusións aromáticas de Orballo (11:30 horas), dos pasteis de Anxemí (12:15 horas), do Menú de Nadal de Yatecomeré (13:00), das fabas de Lourenzá e verdina de Terras da Mariña (13:45 horas), da Bodega Roandi (14:30 horas), das conservas de O Submarino Alta Conserva (15:15 horas), Cafés Sabora (16:00 horas), dos produtos de Icaviar Spain (16:45 horas), do Requeixo e Mel das Neves (17:30 horas), da repostería artesá de Torta de Sarria (18:15 horas), o queixo e o requeixo de Campo Capela (19:00 horas) e Albariño Terres de Compostela (19:45 horas).