Un semáforo informará do nivel de aforo das praias de Marín

Marín
23 de xuño 2020

Esta simboloxía, fácil de interpretar por todo o mundo, estará dispoñible en diversas plataformas para a consulta dos usuarios. Será a través dunha aplicación que se presentará nos vindeiros días, a través da páxina web do Concello e a través das redes sociais

Praia de Loira, Marín
Praia de Loira, Marín / Mónica Patxot

A través dun sistema informático que traducirá os niveis de aforo a un semáforo, o Concello de Marín quere regular o acceso aos seus areais durante o verán. Haberá catro niveis de ocupación, que sinalarán se a asistencia é baixa, media, alta ou completa.

Esta simboloxía, fácil de interpretar por todo o mundo, estará dispoñible en diversas plataformas para a consulta dos usuarios. Será a través dunha aplicación que se presentará nos vindeiros días, a través da páxina web do Concello e a través das redes sociais.

Este sistema instalarase en Portocelo, Mogor, Aguete e Loira. Os datos estarán actualizados practicamente en tempo real, de tal xeito que se alguén quere acudir a un areal concreto poderá saber con antelación como está a praia nese momento. 

Ademais, todas as praias contarán con carteis informativos non só das medidas de hixiene e de prevención que se deben tomar durante a estancia na praia, senón tamén do aforo máximo sobre o que se realizan as medicións de ocupación.

Tamén se instalará megafonía coa que recordar en todo momento aos usuarios das praias a necesidade de non relaxar as medidas impostas polo decreto da nova normalidade que rexe actualmente a desescalada na comunidade.

De xeito preliminar, o Concello encargou a unha empresa topográfica a delimitación do aforo máximo de cada unha das praias tanto con marea baixa como en pleamar. A cifra resultante desta última situación será a que se teña en consideración para establecer a ocupación total. 

Coñecendo estes datos, o control comezará a realizarse a partir do 1 de xullo e ata que finalice a tempada de verán, utilizando un sistema de conteo informático que se está comezando a instalar estes días nas respectivas praias e que reserva catro metros cadrados como a superficie que pode ocupar cada persoa.

Para intensificar a vixilancia e controlar en todo momento eses datos que xerará o sistema de conteo, o Concello reforzou a plantilla da Policía Local, de forma que estes poidan saber se a praia aínda admite máis usuarios ou se é necesario clausurala. 

Coa implantación deste sistema, segundo a alcaldesa María Ramallo, "o que procuramos é facer das nosas praias un destino seguro, garantindo deste xeito o cumprimento da normativa nun dos espazos máis utilizados na nosa localidade durante o verán".

Así a todo, a rexedora segue apelando á necesidade de que "teñamos responsabilidade individual, que sexamos conscientes de que temos moito nas nosas mans e que debemos ter sentidiño".