A Comunidade Parroquial do Divino Salvador de Lérez confirmou que se mantén os actos de celebración, o vindeiro domingo 21 de marzo, do tradicional San Benito de Inverno, aínda que o fai cunha versión reducida e adaptada ás restricións.
Isto afectará principalmente o exterior do templo, onde non haberá romaría nin procesión e onde tampouco se permitirá a instalación de postos de venda. Ademais conforme á normativa da Xunta, non se utilizará megafonía. O que si se poderá é recoller nos salóns parroquiais o aceite bendito de San Benito, así como encargar misas.
En canto ás celebracións litúrxicas, veranse reducidas con misas ás 9.00, 10.00, 11.00 e 12.00 horas pola mañá e ás 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas pola tarde, para así poder garantir a desinfección das instalacións.
En cumprimento da normativa autonómica o aforo do templo será do 33%, con ao redor de 60 persoas por celebración. Nas mesmas será obrigatorio do uso de máscara, a distancia estará delimitada por marcas nos bancos e dispoñerase de xel desinfectante.
Un grupo de voluntarios encargaranse de garantir o cumprimento destas medidas.