Pontevedra reforza a súa aposta pola celebración do Samaín. Farao cunha renovada Noite dos Calacús, en colaboración con Zona Monumental, que ademais de incluír actividades infantís promete ofrecer unha "noite de medo" tamén para o público adulto.
O edil de Festas, Demetrio Gómez, explicou que o Concello quería este ano darlle un impulso a unha celebración "que xa se celebra por todo o país" e encher o centro histórico pontevedrés de "historias de medo, contos e pasarrúas terroríficos".
As actividades, que se desenvolverán o próximo 31 de outubro, comezarán ás 17:30 horas na Praza de Curros Enríquez co tradicional obradoiro de calacús, maquillaxe e tatuaxe; e, a partir das sete, Cris de Caldas e Bea Campos, contarán diversas historias de medo.
A vertente infantil do Samaín pecharase, ás 19:30 horas, cun concerto de A Gramola Gominola.
Xa coa noite pechada "e cando xa non hai onde escapar", chanceou o responsable municipal de Festas, comezarán as actividades para adultos.
Así, entre as 21:00 e as 22:00 horas, Bea Campos, Celso Sanmartín e Kiko Cadaval narrarán historias de terror na Praza do Teucro, a Praza da Verdura e Tetuán.
E a partir das dez e media de noite, cunha cadencia de quince minutos, haberá un pasacalles que estará protagonizado por tres das máis importantes compañías galegas de animación na rúa: Pablo Méndez Performances, Hípica Celta e Troula.
"Queremos seguir con esta Pontevedra que non para aínda que chegue o inverno e faremos todo o que estea na nosa man para que a cidade sexa un fervello", destacou Demetrio Gómez.