Un roteiro pon o foco no Valdecorvos, un río "descoñecido ata o punto de que a xente non sabe nin por onde vai"

Pontevedra
30 de xuño 2024

Durante dúas horas, percorreron o leito do río recibindo todo tipo de explicacións entre o CGTD en Fernando Olmedo e a avenida de Lugo. Aínda que no tramo inicial se xuntaron só unas 40 persoas, durante o percorrido foron sumándose moitas máis, ata xuntarse entre 60 e 70

Roteiro reivindicativo polo río Valdecorvos
Roteiro reivindicativo polo río Valdecorvos / Cristina Saiz

O Valdecorvos é un dos tres ríos que ten Pontevedra e, con todo, é "descoñecido ata o punto de que a xente non sabe nin por onde vai". Para reverter a situación, diversos colectivos da contorna decidiron este sábado poñer en marcha un roteiro informativo e reivindicativo para dar a coñecer a súa historia e as problemáticas actuais. 

Inundacións, obras e verteduras son na actualidade as principais ameazas que hai sobre este río, pero non sempre foi así, era un espazo de grande riqueza natural, e este roteiro buscou tamÉn dar a coñecer esa parte da historia. 

A actividade estivo auspiciada polos residentes na rúa Padre Fernando Olmedo e a urbanización de Valdecorvos, pero tivo o apoio de moitos outros colectivos, entre eles, a asociación veciñal Altamira - San Antoniño, Vaipolorío, a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), a entidade ecoloxista Adega e o centro social A Pedreira.

Durante dúas horas, percorreron o leito do río recibindo todo tipo de explicacións entre o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) en Fernando Olmedo e a avenida de Lugo. Aínda que no tramo inicial se xuntaron só unas 40 persoas, durante o percorrido foron sumándose moitas máis, ata sumar entre 60 e 70.

David Pereira, da asociación veciñal de Altamira e San Antoniño, explicou que o obxectivo que buscaban era "dar a coñecer o río e que a xente o puidera percorrer" e lograron cumprilo. Así, mesmo hai zonas que se rozaron nos últimos días e as persoas que participaron puideron cruzar desde Fernando Olmedo ata José Malvar directamente. 

"A xente sorprendeuse de poder ver por onde ía o río", destaca David Pereira, que explica que este é o primeiro roteiro que percorre todo o río e confía en pode profundar no coñecemento deste espazo e que se poida chegar a todo o percorrido fluvial.

Durante o percorrido, foron realizando paradas e, en cada unha, especialistas de distintos ámbitos afondaron no coñecemento deste río. A primeira en tomar a palabra foi Cristina García Fontán, arquitecto especializada en Urbanismo da ETSA de A Coruña que colabora co Concello de Pontevedra na Cátedra de Espazo Público e explicou como era a zona de Fernando Olmedo no pasado, poñendo en contexto que no pasado non había as inundacións actuais porque non se gañara espazo ao río de forma artificial.

Á altura da ponte dos Tirantes tomou a palabra Antón Masa, da APDR, que abordou o mal estado xeral da Ría de Pontevedra e do río Lérez e todo o que queda por facer para recuperar as augas de Pontevedra e do río Valdecorvos, afectado por aliviadoiros e verteduras de augas fecais.

Nos vindeiros meses, estes colectivos traballarán para organizar máis actividades dentro da súa aposta máis ampla de posta en valor do río de Valdecorvos e dos espazos e barrios que atravesa para poñelo na axenda da cidade.