Mocidade Galega pola Memoria (MGM) organizou este mércores o Roteiro pola memoria das mulleres, que partiu ás 19:30 horas dos Xardíns de Vicenti de Pontevedra, acompañadas polos Gaiteiros das Rías Baixas.
Na actividade, que contou coa colaboración do Concello de Pontevedra, participaron máis de 60 persoas seguindo as explicacións de Uxía Couto Escobar e Pablo Abelleira Acebedo, membros da MGM e guías desta actividade.
Uxía e Pablo explicaron o papel de mulleres como Ernestina Otero, Otilia Meis, Isolina Méndez ou Amalia Álvarez, fronte ao golpe de estado de 1936 e a posterior ditadura.
O público asistente, de perfís moi diversos, puido coñecer a represión que elas sufriron, sendo obrigadas a abandoar os seus traballos, enviadas ao exilio ou sometidas a torturas.
Os participantes neste roteiro tamén puideron coñecer a impliación destas mulleres e a súa importancia na loita pola democracia e a liberdade do pobo e do país.
Mocidade Galega pola Memoria está, en palabras de Uxía Couto (responsable de Formación da organización e guía da actividade) "agradecida pola alta participación da cidadanía que, ademáis das máis de 60 persoas inscritas previamente, tamén se uniu durante o paseo a aprender canda nós".
"Para un grupo de persoas mozas coma nós é moi importante, e moi reconfortante, levar a cabo este tipo de actividades e que resulten útiles para a sociedade. Ao remate achegáronse para agradecernos a aprendizaxe sobre unha etapa tan escura da historia, que aseguraron descoñecer, así como para celebrar que lle outorgáramos ás mulleres a relevancia que elas mesmas se gañaron a pulso", engadiu.