Un roteiro con Ana Acuña e Fina Casalderrey para inaugurar o mural de María Victoria Moreno

Pontevedra
25 de outubro 2018

A súa inauguración será o sábado 27 de outubro, amosando a pegada da escritora, docente, activista da lingua -e pontevedresa por elección- homenaxeada nas Letras Galegas 2018. O acto estará arroupado co roteiro A Pontevedra de María Victoria Moreno que sairá ás 11.30 horas da ponte da avenida de Vigo

Traballos de pintado do mural de María Victoria Moreno
Traballos de pintado do mural de María Victoria Moreno

O mural de María Victoria Moreno, á carón da ponte de Eduardo Pondal, estará rematado en cuestión de días. Os seus autores, os membros de Polo Correo do Vento, apuran os últimos trazos do debuxo deseñado por Tania Solla, ao tempo que seguen adiante os traballos de limpeza e acondicionamento da parede e escaleiras lindeiras.

A súa inauguración será o sábado 27 de outubro, amosando a pegada da escritora, docente, activista da lingua -e pontevedresa por elección- homenaxeada nas Letras Galegas 2018.

O acto estará arroupado co roteiro A Pontevedra de María Victoria Moreno que sairá ás 11.30 horas da ponte da avenida de Vigo, na que está unha placa conmemorativa da autora, veciña da rúa, xusto fronte ao mural.

A Pontevedra de María Victoria Moreno, no que participará a filla da escritora ou o presidente da Real Academia da Lingua, Víctor F. Freixanes, porá ademais o ramo ao ciclo Paseos pola Pontevedra Literaria que promove o Concello de Pontevedra en colaboración coa Asociación de escritores en lingua galega (AELG).

Nesta ocasión a andaina estará guiada por Ana Acuña e Fina Casalderrey. As persoas interesadas en participar no roteiro teñen que inscribirse a través do enderezo electrónico pontevedraliteraria@gmail.com xa que as prazas son limitadas.

O mural e o roteiro son dúas das actividades programadas pola Concellería de Normalización Lingüística na recta final do Ano María Victoria Moreno.