Un reto desde A Illa cruzando o océano que acabou en traxedia ao falecer o seu capitán, Javier Babé

O Salnés
30 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A expedición de 'La Peregrina', composta por maioría de tripulantes arousáns e participante no Reto Astrolabio, comunicou o falecemento do seu capitán por mor dun infarto a 420 millas de illa Guadalupe, no Caribe, e a só tres xornadas de navegación de chegar a destino

Javier Babé (esquerda) antes de iniciar o Reto Astrolabio
Javier Babé (esquerda) antes de iniciar o Reto Astrolabio / Reto Astrolabio

Un grupo de mariños galegos, a maioría arousáns, iniciaron hai poucas semanas desde A Illa un desafío oceánico, o Reto Astrolabio, no que debían percorrer 3.000 millas náuticas usando soamente medios e instrumentos que os mariñeiros tiñan no século XVII.

Despois de moitas xornadas no mar, cando se atopaban a só tres días de navegación do seu destino, a tripulación de 'La Peregrina' comunicou o seu abandono por unha tráxica noticia, o falecemento a bordo do seu capitán, o experimentado mariño Javier Babé "como consecuencia dunha insuficiencia cardíaca congestiva".

Ao producirse a indisposición de madrugada decidiuse inmediatamente abandonar a competición e solicitar axuda a Salvamento Marítimo utilizando o teléfono satélite do barco. Un médico que se atopaba a bordo estabilizou nun inicio ao capitán, pero cando ía ser evacuado produciuse finalemente o tráxico falecemento.

Javier Babé era un experto en travesías oceánicas, e de feito participara na primeira expedición española a vela á Antártida a vela.

A embarcación de La Peregrina atopábase a 420 millas da illa de Guadalupe, no Mar Caribe.